Ao longo de todo o ano o departamento de Turismo organiza visitas guiadas para grupos de escolares ou de visitantes
Un dos xardíns máis antigo de Galicia é o Xardín Botánico Artístico de Padrón, malia que a data exacta da súa orixe é descoñecida, a súa existencia aparece recollida nun documento de 1869, polo que en 2019 celebrouse o seu 150 aniversario. E o Concello de Padrón quere poñer en valor este espazo no que se atopan preto de 300 especies diferentes. Lorena Couso, concelleira de Turismo, sinalou que “o patrimonio da vila de Padrón é moi rico, como demostra este xardín, e por tanto hai que traballar intensamente na súa promoción e no seu coidado”.
Así, dende o último exercicio están deseñando novos folletos turísticos do Xardín para localizas as especies senlleiras, as monumentais e as conmemorativas –o folleto estará dispoñible na Oficina de Turismo en galego, castelán e inglés-, tamén están creando fichas das 50 especies que se atopan no xardín para que todas aquelas persoas interesadas poidan ampliar a información, xa que nelas tamén se recollerán datos como procedencia, características e curiosidades de cada especie. Ao mesmo tempo, estase elaborando material didáctico para público infantil, estanse sinalizando as especies máis representativas do xardín e estase creando unha páxina landing multisite asociada á web turística, na que se poderá acceder a todo este material, a imaxes, curiosidades e poderase reservar un visita guiada polo mesmo para grupos.
Ao longo de todo o ano, realízanse visitas guiadas ao Xardín Botánico Artístico, tanto as xestionadas dende a Oficina de Turismo como as dirixidas a centros educativos. Durante os meses de verán increméntanse as visitas, xa que se sumas as que se dirixen a turistas e peregrinos.
As visitas guiadas no xardín realízanse durante todo o ano, xestionadas dende a oficina de turismo e dirixidas a centros educativos, e durante os meses de verán amplíanse as visitas a turistas e peregrinos.