A alcaldesa explicou que o concello está mostrando unha cooperación institucional máxima e absoluta coas autoridades sanitarias e que, polo de agora, non se pechará ningún centro público na cidade
A alcaldesa, Inés Rey, informou sobre o posible
foco de coronavirus na cidade, concretamente no Centro Cívico de Feáns, onde
esta mañá se procedeu á desinfección. Sobre esta fumigación, na que se utilizaron
produtos seguros e permitidos pola Axencia Española do Medicamento, Rey sinalou
que “o centro cívico está pechado xa que está a traballar nel a empresa
especializada en control de pragas e fumigación e abrirase cando as autoridades
sanitarias dean autorización para facelo”.
A alcaldesa explicou que o concello está mostrando unha cooperación institucional
máxima e absoluta coas autoridades sanitarias xa que “se están a seguir
estritamente as indicacións que se nos transmiten desde o Sergas, a consellería e o
Ministerio de Sanidade”.
Desde o Concello, e respecto ao peche de centros públicos na cidade, a rexedora
informou de que “non se van tomar decisións unilaterais que poidan alarmar a
poboación ou que non sexan necesarias” e que “neste momento”, arredor das 13.00
h, “non está previsto” o peche de ningún centro público na Coruña.
Por outra banda, a Federación Española de Patinaxe comunica que se apraza a
copa do Rey e da Raíña, que se ía disputar no Palacio de Deportes da Coruña do
19 ao 22 de marzo.
Nota de Prensa
Ademais, informouse de que as dúas próximas xornadas de Liga xogaranse a porta
pechada. Deste xeito, o partido do Deportivo da Coruña que xogaría este sábado en
Riazor contra o Xixón tamén se disputará sen público.