Friday 22 de November de 2024

“Falando a boca chea” traerá a artistas referentes da narración oral do 21 ao 25 de abril


 

Celso E. Sanmartín, Quico Cadaval ou Carmen Conde actuarán en formato espectáculo nunha cuarta edición que ofrecerá citas gratuítas no vestíbulo e na biblioteca do Fórum Metropolitano

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín,
presentou esta mañá o Festival de Narración Oral “Falando a boca chea”, que terá
lugar no Fórum Metropolitano do 21 ao 25 de abril, organizado por Artestudio
Xestión Cultural, con diversos espectáculos tanto no vestíbulo como na biblioteca e
no auditorio. Ana Judel, directora do espazo, destacou o carácter innovador da
proposta, xa que “non se trata de monologuistas ao uso aínda que moitas/os
coñecémolas/os como tales, senón de realizar narración oral ao estilo das antigas
historias que se contaban ao carón da lareira, onde a imaxinación, os símbolos, os
soños e a poesía están presentes”.
O ciclo tomará o edificio. Na entrada poderase desfrutar, ás 19.00 horas, dos
espectáculos abertos e gratuítos de Vero Rilo, o mércores 22 de abril; Caxoto, o
xoves 23 de abril; Soledad Felloza, o venres 24 de abril; e do Colectivo amador de
narración oral “Cédoche a palabra”, o sábado 25 de abril. Na biblioteca infantil
programaranse ás 18.00 horas contos para as e os pequenos de dous a catro anos,
con Bea Campos, o 23; e Soledad Felloza, o 24. Para estes dous eventos,
necesítase unha inscrición previa en coruna.gal/bibliotecas.

Nota de Prensa

Por último, o auditorio acollerá en formato espectáculo a posta en escena do
Colectivo amador de narración oral “Cédoche a palabra”, o día 21, con entrada de
balde ata completar a capacidade, para continuar o 22 con Celso E. Sanmartín;
Quico Cadaval, o 23; Carmen Conde, o 24; e Gari, o 25. Todos comezarán ás 21.00
horas e o prezo das localidades para os catro últimos son de sete euros, seis para
persoas co carné xove, maiores de 65 anos e desempregadas. Na venda
anticipada, que pecha o día anterior á función ás 23.59 horas, as entradas valerán
cinco euros.

Pola súa parte, o coordinador, Ramiro Neira, falou de que esta cuarta entrega ten un
histórico atrás, “xa que vén dun desenvolvemento de accións de hai moitos anos no
Fórum Metropolitano que derivou nesta marca, en que o central é a palabra e a
historia, as historias que contan as narradoras e narradores”. Neira sinalou que a
cita fará rir, emocionará e nela, transmitiranse valores a través dunha arte
propiamente galega como é a da oralidade.