O Concello de Brión agradece a colaboración da veciñanza na recollida de tapóns en favor de Hugo, veciño do municipio afectado por esta enfermidade ultra rara
O centro social polivalente de Brión acollerá a proxección de “El reto de Eva”, un documental sobre a enfermidade de DENT e da que Hugo, un rapaz veciño do municipio, foi diagnosticado recentemente. A proxección terá lugar o domingo 15 de marzo, ás 12:00 horas, e contará coa presenza da presidenta de ASDENT, Eva Giménez, fundadora desta asociación para promover o coñecemento sobre a enfermidade súper rara que sofre o seu fillo, Nacho, e recadar donativos para cubrir os costes que supón a investigación.
Entre as accións que organiza ASDENT figuran as recollidas de tapóns de plástico, unha iniciativa á que tamén se sumou a familia de Hugo en Brión e que está a ter unha gran participación por parte da veciñanza do municipio. Así, a semana pasada un camión do Concello de Brión recolleu varios centos que quilos de tapóns de plásticos procedentes do CEIP de Pedrouzos, do campo de fútbol e do centro social polivalente, entre outros puntos de recollida establecidos en Brión. Unha colaboración que agradecen dende o Concello de Brión.
A enfermidade de DENT é minoritaria e está clasificada como súper rara. Trátase dunha doenza xenética provocada por unha mutación no cromosoma X que afecta ás funcións habituais dos riles, que deixan de facer gran parte do seu cometido, o que provoca que o organismo non asimile elementos básicos para a vida como o potasio, o magnesio, as proteínas, as vitaminas ou o calcio. Na actualidade hai rexistrados 411 casos en todo o mundo, entre os que figuran o brionés Hugo e Nacho, protagonista do documental e residente en Barcelona.