Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Noia colabora co Club Peña Ciclista O Toxo na organización da VIII Ruta BTT Ría de Noia, que terá lugar o 15 de marzo


 

Conta con 215 participantes e pechará inscricións mañá mércores

O Concello de Noia colabora co Club Peña Ciclista O Toxo na organización da VIII Ruta BTT Ría de Noia, unha marcha cicloturista de 50, 35 ou 25 quilómetros que terá lugar o vindeiro domingo 15 de marzo e que hoxe foi presentado pola concelleira de Deportes, Laura Salgado García, e por Tono Mato e José Manuel Ulloa, representantes do club.

Os tres coincidiron en facer un último chamamento á inscrición, xa que ata o momento están cubertas 215 das 400 prazas ofertadas. As anotacións poden realizarse ata as 23:59 horas de mañá mércores 11 de marzo en www.galitiming.com. O prezo de inscrición en calquera das tres distancias é de 15 euros por persoa e a única esixencia é ser maior de 16 anos (os menores de idade deberán presentar unha autorización paterna).

A concelleira de Deportes de Noia puxo en valor a flexibilidade do club á hora de organizar esta ruta, “ofrecendo tres opcións: 50, 35 e 25 quilómetros e coa posibilidade de ser desviado por un percorrido alternativo que enlace coa ruta máis pequena no caso de superar os tempos máximos de paso permitidos” e animou á participación veciñal, lembrando que “aínda que a proba non ten carácter competitivo, ten unha dificultade técnica media e unha dureza media-alta, apta para todas as persoas que habitualmente practiquen BTT e gusten de camiños e corredoiras de terra”.

A proba sairá do paseo marítimo de Labarta ás 9:00 horas do domingo 15 de marzo, previa recollida de dorsais. A volta terá lugar en Labarta aproximadamente 5 horas despois, xa que aínda que a marcha é de ritmo libre, está absolutamente prohibido adiantar ao vehículo que encabeza a marcha. Unha marcha na que os ciclistas deberán respectar as normas de tráfico e as indicacións dos axentes a Policía Local e Protección Civil, xa que non se cortará a circulación de vehículos na contorna.

A organización ten dispostos 3 puntos de avituallamento: un líquido no quilómetro 15 e dous líquidos e sólidos nos quilómetros 25 e 35. A VIII Ruta BTT Ría de Noia está organizada polo Club Peña Ciclista O Toxo e conta coa colaboración do Concello de Noia, Protección Civil Noia e Deputación da Coruña.