Friday 22 de November de 2024

O Concello de Touro inicia o proceso para licitar o novo Servizo de axuda no fogar, que representa un custo de 448.000 euros ao ano e que estará adxudicado antes de xullo


 

O prezo máximo por hora que reflexa o novo prego de licitación está fixado en 16,12 euros sen IVE, fronte aos 12,20 euros da actualidade

O Pleno do Concello de Touro aprobou onte o prego para a contratación do Servizo de axuda no fogar, que terá cun custo total de 448.000 euros ao ano. O prego tivo o respaldo do Grupo de Goberno (PP) e o voto en contra da oposición (Marea Veciñal, BNG e PSdeG-PSOE). O proxecto para a adxudicación do servizo por dous anos prorrogables por dous anos máis, unha vez que xa conta co visto bo do pleno do Concello, ponse agora en marcha e según previsións do Grupo Municipal de Goberno, que lidera o alcalde Ignacio Codesido, estará xa adxudicado antes do próximo mes de xullo.

O prezo por hora establecido no prego de licitación aprobado fíxase en 16,12 euros (IVE non incluído) para as horas ordinarias e en 18,54 euros (IVE non incluído) para as horas extraordinarias, frente aos 12,20 euros a hora (IVE non incluído) que se está pagando no contrato actual. Asimesmo, para evitar baixas temerarias que poidan repercutir negativamente nas condicións salariais das traballadoras do servizo, nos criterios de adxudicación refléxase que o menor prezo ofertado terá ata un máximo de 10 puntos, dun total de 100. O anterior proceso de licitación reflexaba ata 55 puntos neste capítulo, dun total de 100 puntos.

Agora o proxecto de licitación do Servizo de axuda no fogar do Concello de Touro terá que contar coa luz verde das autoridades da Unión Europea. Previsiblemente, o proceso iniciarase antes de que remate o mes de marzo e estará finalizado antes tamén de que chegue o mes de xullo. As estimacións económicas do novo contrato están feitas en base a unha plantilla laboral integrada por un coordinador e 16 auxiliares a tempo completo. A auxiliar a tempo completo, cunha antigüidade media de tres trienios, terá un salario base de 1.042 euros, e o custe anual por traballadora será de 20.598 euros.

Asimesmo, o custe total anual do contrato de Servizo de axuda no fogar do Concello de Touro, que reflexa un total de 27.428 horas (22.750 ordinarias e 2.678 extraordinarias), será de 448.743 euros, según o prego aprobado. O custe de persoal representará 358.380 euros. Pola súa banda, os desprazamentos para atender aos veciños que teñan dereito a este servizo equivaldrán a 44.460 euros. Esta cantidade última sae de calcular que as traballadoras farán 234.000 kilómetros para atender o servizo. O quilómetro feito pagarase a 0,19 euros, frente a os 0,18 euros anteriores.