O concello acaba de publicar no BOP o informe co que integrará a estación de autobuses no conxunto de San Cristovo
O Goberno local axiliza a tramitación do proxecto da Estación Intermodal e publicou no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o “Proxecto terminal de autobuses integrada na estación intermodal da Coruña-San Cristovo” despois de que a Consellería de Infraestruturas así llo requirise por rexistro co fin de continualo e integrar este dentro do conxunto pensado para San Cristovo. De conformidade co disposto no apartado 4, da lei 3/2016, previamente á súa emisión, este informe municipal someterase ao trámite de información pública durante o prazo de vinte días, mediante o anuncio no BOP e nun dos xornais de maior difusión.
Durante este período, que se conta a partir do venres 6 de marzo, o día seguinte ao da súa publicación, calquera persoa interesada e o público en xeral poderán formular as alegacións que estimen procedentes. A consulta da documentación pódese realizar no Departamento de Planeamento da Área de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade (praza de Indalecio Prieto, 1-3), en horario laboral, de luns a venres; no apartado de exposición pública da web de Urbanismo https://www.coruna.gal/urbanismo/gl/informacion-e-normativa/exposicion-publica; ou ben na sede electrónica do concello: https://sede.coruna.gob.es.