O premio foi para o IES Lamas de Abade no que naceu o proxecto “Memorandum”
Tres alumnas do IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela son as gañadoras do VI Concurso de Guións contra a Violencia de Xénero que convoca a área de Igualdade da Deputación da Coruña. “Memorandum” é o título do traballo polo que o centro recibirá 4.000 € ademais da produción audiovisual do proxecto.
As alumnas Xiana Villaverde Munín, Ainoha Caamaño Rey e Elisa Nieves Barreiro dirixidas pola profesora María del Carmen García Ares, do IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela son as gañadoras da sexta edición do Concurso de guión contra a violencia de xénero.
Os traballo titulado “Memorandum” foi o elixido por un xurado composto pola técnica de igualdade, Eva Ovenza, a deseñadora gráfica e socióloga, Paula Alonso Pardo, o membro da directiva da Academia Galega do Audiovisual, Óscar Cruz con Francisco Javier Sardiña como delegado do secretario xeral e a deputada de Igualdade, María Muíño como presidenta.
O xurado destacou do guión gañador a súa estrutura técnica e a boa execución do final nun traballo que “fai un retrato dunha realidade moi nosa, moi próxima, cunha trazabilidade histórica que visibiliza a realidade das mulleres”.
O premio consiste nun curso práctico de realización de curtas, no que se producirá o vídeo que desenvolve o guión gañador no que as creadoras poderán ser partícipes e protagonistas en todo o proceso. Así mesmo, o premio inclúe unha achega de 4.000 euros ao centro educativo que titorice o guión gañador.
“O obxectivo desta iniciativa é animar á reflexión e sensibilización e, en definitiva, a prevención da violencia machista para o que é fundamental contribuír á igualdade desde a infancia e mocidade”, sinala a deputada María Muíño que inclúe o premio no conxunto de actividades que desde a área de Igualdade se dirixe ás persoas de menor idade “que son as que poden construír un futuro sen discriminación, en igualdade e na que non exista violencia contra as mulleres”.