Friday 22 de November de 2024

A Deputación amosa o seu apoio ao emprendemento nos IX Premios Joven Empresario e Iniciativa Emprendedora de AJE Galicia


O presidente da Deputación destacou no evento a importancia de que as institucións públicas apoien as iniciativas de empresas e profesionais, chave para o progreso da economía e a creación de emprego en Galicia.

As empresas Kendra e Coosy foron as galardoadas a Mellor Iniciativa Emprendedora e a Mellor Iniciativa Empresarial, respectivamente, nos IX Premios Joven Empresario e Iniciativa Emprendedora da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Galicia. Ao evento acudiu o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que sinalou o emprendemento como elemento chave para o progreso da economía en Galicia. Á súa vez, puxo en valor o traballo realizado por todas as persoas que deciden emprender e manifestou a necesidade de que as institucións públicas apoien as iniciativas de empresas e profesionais para xerar un tecido empresarial forte na provincia coruñesa e en toda a comunidade.

Formoso tamén incidiu na necesidade de dar a coñecer a emprendedoras e emprendedores as diferentes subvencións que poden solicitar á Deputación, como as liñas do Plan de emprego local (PEL), que buscan impulsar o investimento e o mantemento e creación de emprego. Desde a súa creación no 2016, o PEL impulsou a modernización e mellora de 1.948 empresas. A Deputación investiu 26,7 millóns de euros neste plan, que permitiu a creación de 2.636 empregos directos.

Formoso tamén destacou a rede de espazos de “coworking” do ente provincial, que ofrece espazos de traballo para aquelas persoas que os precisen.

Accésit do evento
No evento celebrado no Teatro Rosalía tamén se repartiron catro accésits, que foron para Koh Lanta, no apartado de responsabilidade social empresarial; Docuten, en internacionalización; Aleutos, en innovación; e Grupo Atlante, en creación de emprego.