O Master Galego de Tenis regresa a Riveira esta fin de semana tras dous anos disputándose noutras localidades. O certame, no que se medirán as 16 mellores raquetas absolutas tanto masculinas como femininas do circuíto autonómico, terá lugar durante os días 2, 3 e 4 de xaneiro.
O concelleiro de Deportes Juan Luis Martínez, o presidente do Club Punta Salera Blas Sobrido, e o xogador local Pablo compareceron hoxe no Consistorio para presentar a competición.
A cita terá dous escenarios: os pavillóns de Sirves e A Fieiteira, estando programada tanto as semifinais como a final para este último recinto.
Durante a presentación do evento, sinalouse como gran favorito no cadro masculino a Pablo Chouza (número 1 do ranking galego) e no feminino a Valeria López e Paula Arias. Como xogadores locais mellor posicionados estarán o xa citado Pablo Chouza –que espera facer un bo papel no torneo- e a boirense Paula Hermo.
Premios en metálico
Os gañadores tanto en categoría masculina como feminina levaranse un premio en metálico de 220 euros; os finalistas de 170; os semifinalistas de 110; os cuartofinalistas de 55; e os oitavofinalistas de 30.
Juan Luis Martínez animou á veciñanza a presenciar esta vistosa competición, que coincide con outras iniciativas ligadas tamén ao deporte do tenis: un trofeo que se abriu o pasado 27 de decembro e a próxima celebración dunha gala da Federación Galega que terá lugar no Auditorio o domingo ás 18.30 horas.