A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria deste luns, aprobou o gasto e a apertura do procedemento de adxudicación de remodelación da rúa dos Concheiros, unha operación incluída na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado- EDUSI. A obra ten un tipo de licitación de 2.651.608,87 euros (IVE incluído).
O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, lembrou que este expediente solaparase coa tramitación dos orzamentos, polo que confía que, unha vez aprobados estes a principios de abril, se poida adxudicar a obra a finais de abril ou principios de maio, e iniciar a obra en maio-xuño. “Non creo que teñamos a obra rematada antes de nove meses, pero ogallá poida estar para a Semana Santa de 2021”, apuntou o rexedor, que lembrou que o ter que compatibilizar seguir prestando os servizos públicos coa obra “vai en detrimento da súa velocidade”. Neste sentido, apuntou que un dos aspectos que se valorará na adxudicación é a realización de quendas dobres de traballo.
Sánchez Bugallo aproveitou a comparecencia para referirse ao inicio hoxe luns das obras do veiro de Clara Campoamor, se ben nesta fase inicial non se ve afectado o tráfico. Cando isto suceda, dixo, “a prioridade será desviar todo o tráfico posible polo túnel do Hórreo, de xeito que no se utilice o Restollal e non coincida todo o tráfico na rotonda de Galuresa, orixinando un colapso alí”.
Obras no LSC de Grixoa
Seguindo con obras, pero neste caso no rural, adxudicouse o contrato de mellora e acondicionamento do Local Sociocultural de Grixoa, por importe de 54.000 euros. Esta obra está incluída no POS+2019.
Sentenza por exceso de aforo
Na Xunta de Goberno tamén se tomou en coñecemento unha sentenza favorable ao Concello relativa á imposición dunha sanción de 90.000 euros á discoteca Apolo por infracción moi grave, por exceder o aforo (953 persoas contabilizadas pola Policía Local nun aforo permitido de 250) e por outros elementos xustificativos (por exemplo, unha das portas de emerxencia atrancada).
Atraccións feirais
Finalmente, acordouse a prórroga ao ano 2020 do contrato de autorización de ocupación da vía pública na Alameda para a colocación de postos durante as festas da Ascensión e do Apóstolo, por importe de 99.627,80 euros. As datas autorizadas son: festas da Ascensión, do 17 ao 31 de maio; e festas do Apóstolo, do 17 de xullo ao 2 de agosto. En todo caso, as atraccións terán que estar montadas, como data límite, o 19 de maio e o 22 de xullo.