Adecuaranse os pasos peonís e adiantaranse as esquinas nos cruzamentos que hai entre os números 88 e 108
O servizo de Infraestruturas iniciará a semana que vén os traballos de mellora da accesibilidade e os espazos peonís na rúa Juan Flórez entre os números 88 (Oficinas de Abanca) e o 108, á altura do antigo Opencor. Estas obras enmárcanse dentro do plan de mellora de accesibilidade que puxo en marcha o Goberno local co fin de garantir a seguridade viaria dos peóns e peoas e das persoas con diversidade funcional. Un dos piares estratéxicos que a alcaldesa, Inés Rey, se comprometeu a cumprir no actual mandato.
A actuación ten como obxectivo garantir a accesibilidade da beirarrúa neste tramo da rúa, que soporta un importante fluxo de xente. Para iso, adecuaranse os pasos peonís e adiantaranse as esquinas nos cruzamentos.
A obra dálle continuidade a xa executada mellora do espazo público diante do colexio Labaca.