As accións de reivindicación a prol dunha igualdade plena para a muller arrancan esta tarde en San Sadurniño cun Tempos para compartir especial que estará centrado no deseño de camisetas e lemas nesa liña, na de esixirmos a posición que como mulleres nos corresponde nunha sociedade que teima en perpetuar o patriarcado. Este obradoiro desenvolverase na Casa da Xuventude desde as 17.00h. até as 19.30h. dirixido por Llanos Luaces e nel hai inscritas dez persoas. Ao remate hai convocado un acto simbólico no que se convida a participar a toda a veciñanza, consistente en colgar na antiga praza do Concello -na avenida Marqués de Figueroa- mandís, cinguidoiros e outras prendas como acto de rebeldía e de visibilización de que as mulleres seguimos cobrando menos que os homes, seguimos tendo que esforzarnos o dobre para ascender no noso posto de traballo, seguimos sendo quen soportan o peso dos fogares e as cargas familiares, sobre todo os coidados de dependentes. Sobre estes dous últimos aspectos incide a declaración institucional co gallo do 8-M consensuada polos tres partidos con representación municipal. Un texto que reproducimos integramente, ao tempo que desde a área de Igualdade se fai un chamamento para participar na manifestación feminista que percorrerá as rúas de Ferrol o domingo a partir das 12.00h.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
8 DE MARZO – DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
O vindeiro 8 de marzo o feminismo galego fará historia novamente, como xa fixo nos anos 2018 e 2019 cunha folga histórica. Baixo o lema “Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado”.
Con esta resposta e con esta campaña, o feminismo galego autoorganizado sitúa os coidados no centro do debate e as consecuencias para as mulleres galegas do sistema económico, social e político en que vivimos, que non podería sosterse sen coidados que se desenvolven en moitas ocasións de forma gratuíta ou a través da precarización de moitas mulleres.
Correspóndenos ás institucións escoitar e recoñecer os debates que o feminismo galego está a colocar na axenda social e comprometer os nosos esforzos en corrixir as desigualdades que permanecen na Galiza de 2020.
Hoxe no noso país temos, malia que é ilegal, unha fenda salarial de máis de 4.000 euros entre homes e mulleres, que se dá tamén nas pensións de xubilación en máis de 400 euros. Así mesmo, sabemos que os coidados de maiores e crianzas recaen maioritariamente nas mulleres, quen continúan a ser con moito quen máis horas das súas vidas invisten nestes ámbitos.
Así mesmo, as galegas sufriron o deterioro dos servizos públicos básicos durante a recesión económica e as medidas tomadas polos Goberno Central e polo Goberno da Xunta. Tamén hai que ter en conta as repercusións para Galiza dun sistema de financiamento insuficiente tanto para a Xunta de Galiza como para os concellos, que son claramente discriminados e ao que se engaden as imposicións de déficit e restrición de gasto. Todo isto, xunto con decisións e recortes que se aplicaron desde as administracións galega e estatal, teñen derivado no infrafinanciamento de moitos servizos públicos. Esta situación tradúcese moitas veces na precarización destes servizos e das persoas que traballan neles.
Outro ámbito moi importante de discriminación na esfera dos coidados é o do traballo do fogar ou traballo doméstico. Tanto polas desigualdades vixentes na organización familiar e os limitados avances na corresponsabilidade como por ser un ámbito que agocha moitas formas de traballo precarizado e mesmo alegal. Cumprida conta desta situación dan os datos que reflicten as grandes diferenzas que hai na distribución dos tempos no fogar entre homes e mulleres ou as consecuencias que o neoliberalismo ten en materia de precariedade, agravadas no caso de moitas mulleres migrantes.
É, ademais, un ámbito non suficientemente investigado e estudado mais que é evidente que ten un gran impacto na economía, que sería insostíbel sen esa achega non remunerada que lle regala a vixencia do sistema patriarcal. Cómpre lembrar, por exemplo, que o valor xerado polas actividades no ámbito doméstico representaría o 50,6% do PIB de Galiza segundo a última Conta Satélite publicada no ano 2013 respecto do ano 2010 e con base 2008.
Por todas estas razóns, este 8 de marzo cómpre recoñecer o traballo do feminismo galego e contribuír desde as institucións a combater a precarización de servizos de coidados ocupados maioritariamente por mulleres, e a dar visibilidade ao que supón no noso sistema económico e social a contribución do traballo invisible dos coidados como paso necesario para construír unha nova orde social que supere o patriarcado.
Por todo isto, a Corporación municipal do Concello de San Sadurniño recoñecemos e apoiamos as convocatorias do feminismo galego autoorganizado que neste 2020 colocan no centro do debate os coidados e as consecuencias para as mulleres galegas do sistema económico, social e político no que vivimos, que non podería sosterse sen coidados que se desenvolven en moitas ocasións de forma gratuíta ou a través da precarización de moitas mulleres, comprometéndonos a traballar para que os poderes públicos contribúan a superar esta situación.
“Todas as forzas que se asocian para o ben non se suman, multiplícanse”
(Concepción Arenal)