Friday 22 de November de 2024

A Xunta gaba o traballo a prol da inclusión de persoas en risco de vulnerabilidade da Cociña Económica da Coruña e de SOS Racismo


Avoga por continuar coa coordinación co tecido asociativo para mellorar a atención no eido social

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou hoxe a importancia da coordinación entre as Administracións públicas e as entidades que traballan no eido social co obxectivo de prestar a axuda que necesitan as persoas que están en situación ou risco de vulnerabilidade. Así o constatou Arturo Parrado na visita que fixo á Cociña Económica da Coruña e á sede da Asociación SOS Racismo, organizacións que contan co apoio da Xunta de Galicia.

Na Cociña Económica, o director xeral percorreu as súas instalacións, que inclúen un centro de día no primeiro andar. Alí fixo fincapé na longa traxectoria desta institución con máis de 130 anos de historia, sempre prestando sustento e refuxio ás persoas con menos recursos.

Arturo Parrado tamén tivo a ocasión de falar con usuarios e persoal de SOS Racismo Galicia. Esta entidade centrada na atención a persoas estranxeiras presta servizos de asesoramento, de mediación laboral e tamén conta cunha oficina de información e denuncias.