O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reuniuse este mércores cunha representación da veciñanza de San Ignacio de Loyola, á que lle explicou o proxecto para mellorar a accesibilidade deste conxunto de vivendas mediante a instalación de ascensores, así como os avances para sacar unha convocatoria que lles permita a estes veciños e veciñas acceder a axudas para a rehabilitación das súas vivendas.
O Goberno local aprobou o pasado mes de febreiro o estudo de detalle do ámbito das vivendas de San Ignacio de Loyola, un documento previo necesario que resolve a accesibilidade destes dous edificios de vivendas, mediante a instalación de ascensores, e que establece tamén unha mellora da envolvente dos edificios.
Ademais, grazas a unha ordenanza agora en preparación, a veciñanza poderá acceder a unha convocatoria de axudas para a rehabilitación das súas vivendas, destinada a persoas con escasos recursos. O Goberno municipal agarda ter lista a ordenanza que regulará esta materia antes do verán, para así realizar a convocatoria. Esta terá unha dotación económica dun millón de euros, dos que 800.000 procederán de fondos europeos e o resto serán achega municipal.
En canto á mellora da accesibilidade, está prevista a instalación de ascensores exteriores nas esquinas sur dos inmobles, comunicados coas vivendas a través duns corredores de planta, exteriores e cubertos. Tanto a envolvente do ascensor como as pasarelas de acceso ás vivendas levarán elementos prefabricados de formigón autónomos e estruturalmente independentes da edificación orixinal. Complementariamente, prevese a substitución dos panos das galerías existentes por unha carpintería de madeira tipo, co fin de mellorar a eficiencia enerxética e recuperar a imaxe unitaria do conxunto.
O ámbito de San Ignacio de Loyola está configurado por dous bloques, un de 12 e outro de 18 vivendas, situados na marxe sur da avenida do Mestre Mateo. Estes edificios ían ser derrubados e os seus veciños e veciñas realoxados noutras vivendas pola previsión de construír alí a Facultade de Medicina. Desbotada esa posibilidade e eliminada en 2018 no PXOM a reserva universitaria da parcela, agora ábrese a posibilidade da rehabilitación das vivendas.