Saturday 16 de November de 2024

Lousame conmemora o Día da Muller co concerto “Tecendo soños” de Esperanza Mara e a mostra e entrega de premios do concurso de fotos


 

Luz María Sambade Roo repite como gañadora na votación en Facebook, que rexistrou un incremento de participación de case o 60%

O Concello de Lousame conmemorará o Día da Muller con dúas actividades na Casa da Cultura este domingo 8 de marzo: a exposición e entrega de premios do concurso de fotografía “A muller máis importante na miña vida” e o concerto “Tecendo soños”, da soprano Esperanza Mara. Uns actos que estarán presididos pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo.

Así, a partir das 18:00 horas abrirase ao público a exposición coas 29 fotografías participantes no concurso “A muller máis importante na miña vida”, que se levou a cabo durante as tres últimas semanas na páxina en Facebook do Concello de Lousame. Un concurso ao que se presentaron 29 persoas (o dobre co ano pasado) e que recibiron 2.572 votos (un 55,8% máis co ano pasado) de 1.322 persoas (un 59,85% máis ca en 2019).

En total, o concurso chegou a 4.946 persoas, na súa maioría veciños de Noia e de Lousame, pero tamén do resto da comarca do Barbanza e de cidades como Coruña ou Santiago de Compostela. Por xénero, o 65% dos votos son de mulleres e o 35% de homes; mentres que por idades, o 66% ten entre 25 e 44 anos. Chama tamén a atención que máis dun 4% dos participantes teña máis de 65 anos, aproximadamente unhas 55 persoas, na súa maioría mulleres.

Tecendo soños

Ás 19:00 horas, o auditorio da Casa da Cultura acollerá o concerto “Tecendo soños”, un proxecto de recuperación e divulgación dos cantos de arrolar dirixido pola soprano noiesa Esperanza Mara, co que colabora o Concello de Lousame e no que teñen participado veciñas do municipio. O concerto contará con Esperanza Mara na voz e na creación artística e con Alfredo Susavila ao piano.

Premios

E ás 20:00 horas terá lugar a lectura dun manifesto a prol da igualdade e a entrega dos premios do concurso de fotografía por parte da alcaldesa e a concelleira de Igualdade. Ese día desvelarase o nome da gañadora do concurso entre as cinco fotografías seleccionadas como finalistas polo xurado: Fátima Pan Sobradelo, Flor Romero Suárez, José María Gómez Nimo, Irene Fernández Lorenzo e Dolores González Castro.

No que atinxe á votación en Internet, por segundo ano consecutivo a gañadora foi Luz María Sambade Roo, con 307 votos, a tan só 9 “Me gusta” da segunda clasificada. Recollerá o domingo unha tarxeta regalo “3 días con encanto”. Durante esta semana terá lugar o sorteo dunha cea para 2 persoas nun restaurante de Lousame entre as 1.322 persoas que votaron no Facebook.