Ofértanse catro cursos formativos en colaboración con Daquí Darredor e un de horta ecolóxica coa UNED Senior
O Concello de Brión centrará a súa oferta formativa dos próximos catro meses en poñer en valor o espazo de traballo colaborativo “Transformando en Brion”, posto en marcha o pasado mes de decembro polo Concello en colaboración coa Deputación da Coruña e o GDR Terras de Compostela. Así, entre os meses de marzo e xuño, o Concello ofrecerá cinco cursos formativos, catro en colaboración co proxecto Daquí Darredor e un coa UNED Senior.
Todos eles impartiranse no espazo colaborativo “Transformando en Brión” e terán unha cota de inscrición de 50 euros por curso. As inscricións poderán formalizarse na Casa da Cultura de Brión, no 981 50 99 08 ou no mail empregobrion@gmail.com. A admisión realizarase por orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadraodas en Brión e, no caso do curso da UNED Senior, as persoas maiores de 50 anos empadroadas no municipio.
UNED Senior
O primeiro dos cursos será o de “Horta ecolóxica”, unha iniciativa de formación presencial de 30 horas lectivas que terá lugar do 25 de marzo ao 22 de abril no espazo de coworking de Monte Balado. As inscricións están abertas ata o 18 de marzo. O curso inclúe sete sesións formativas: abonado e preparación da terra; deseño e planificación da horta; plantas para coidar na horta; plantación en terra e en bancais; pragas, enfermidades e remedios; rego e instalación; e coidados da horta ao longo das estacións.
O de “Horta ecolóxica” será o primeiro curso formativo que a UNED Senior imparta en Brión, despois do convenio de colaboración aprobado por unanimidade polo Pleno Municipal do pasado mes de febreiro. Un convenio que permitirá a realización de cursos de formación dirixidos aos veciños e veciñas de Brión de máis de 50 anos.
Daquí darredor
Os outros catro proxectos formativos realizaranse en colaboración con Daquí darredor, un proxecto colaborativo para a transformación de alimentos agrícolas e gandeiros promovido polo Concello de Brión, a Deputación da Coruña e o GDR Terras de Compostela. Uns cursos que terán lugar entre os meses de abril e xuño de 2020, nunhas datas a acordar coas persoas que se inscriban antes do 31 de marzo. A oferta inclúe dous cursos de 20 horas lectivas, “Prevención de riscos na cociña” e “Hixiene e manipulación de alimentos”, e dous obradoiros presenciais, “Emprego da cociña” e “Informática ao xeito”.
Con estes cursos, o Concello de Brión busca poñer en valor o seu centro da Rede de Espazos de Coworking, cuxos primeiros usuarios e usuarias están a rematar a formación previa para o uso das instalacións. Un centro de traballo colaborativo para a transformación de produtos do sector primario que supuxo un investimento de 213.266 euros e que está emprazado na terceira planta do centro comercial Monte Balado, ocupando un espazo de 200 m2.