O Concello achegou 10.487 euros ao proxecto, que lle permitirá aforrar máis de 13.000 euros anuais grazas á renovación de 130 luminarias
O Concello de Frades vén de investir un total de 60.428 euros na mellora da eficiencia enerxética do seu alumeado público, o que permitiu a renovación dun total de 130 luminarias nos lugares de Fontesantaia, Moar e Pedreira (na parroquia de Moar) e O Peñasco, O Pazo, Pumariño e Marís (na parroquia de Abellá). Un investimento incluído dentro dun proxecto conxunto cos municipios de Ordes e de Trazo, que conta cun orzamento global de máis de 180.000 euros e que foi subvencionado polo INEGA con 153.000 euros.
No caso concreto de Frades, o proxecto supuxo un investimento de 60.428 euros euros, dos que o Concello tivo que achegar 10.487 euros. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que “o investimento que fai o Concello de Frades xa quedará recuperado o primeiro ano, pois o aforro enerxético que nos suporá este proxecto é duns 13.000 euros anuais”. Unha vez máis, a pesar de non ser o proxecto cun maior orzamento, Frades será o municipio que máis cartos aforrará anualmente dos tres integrantes deste proxecto.
Isto é posible debido á substitución das antigas lámpadas de vapor de sodio e de mercurio de entre 80 e 100 w de potencia, por outras de halogenuro metálico moito máis eficientes e de menor consumo que permitirán pasar dun consumo de 97.800 kw/hora a uns 21.000 kw/hora. Un aforro que, en cartos, tradúcese en pasar de pagar 17.000 euros anuais a pouco máis de 4.000 euros.
Aforro e calidade de vida
“Ademais do aforro enerxético, tamén se gaña en calidade de vida xa que substituímos as luces amarelas das lámpadas de socio por unha luz branca que ofrece unha maior luminosidade, como xa teñen comprobado os veciños de Ponte Carreira onde fixemos este mesmo cambio o ano pasado”, sinala Roberto Rey.
De feito, nestes dous anos o Concello de Frades ten investido un total de 111.419 na substitución dun total de 150 lámpadas en cinco puntos do municipio: no núcleo urbano de Ponte Carreira, nos núcleos rurais de Os Canedos (Mesos) e Pazo (Galegos), e nos mencionados lugares de Moar e Abellá. Todos eles contaron cunha subvención do INEGA, polo que o Concello de Frades só tivo que achegar uns 19.000 euros. Uns cartos que recuperou co aforro enerxético conseguido con estas medidas en tan só un ano e que ascende a 19.000 euros.