Friday 22 de November de 2024

Rosalía cédelle a galería do Concello de San Sadurniño ás “Raras (exiliadas, periféricas e monstras)” de Viki Rivadulla


A mostra pictórica forma parte da programación do 8-M e pode visitarse ata finais de mes nos horarios habituais de apertura das oficinas municipais

 

Viki Rivadulla é unha pintora e escultora autodidacta que acaba de abrir na galería do Concello a mostra temporal “Raras (exiliadas, periféricas e monstras)”. Trátase dunha colección de doce acrílicos sobre lenzo inspirada na Costa da Morte e cunha clara orientación feminista que falan neste caso “do diferente, de seres diferentes, que saen da norma. E fala deses seres en feminino”, tal e como asegura a autora. A exposición tómalle o relevo a “Aló no recuncho máis fermoso”, dedicada durante as últimas semanas a Rosalía de Castro, considerada a primeira feminista galega, e faino precisamente no mes do 8-M e como parte dunha extensa programación de actividades organizadas pola área de Igualdade. “Raras (exiliadas, periféricas e monstras)” poderá visitarse ata o 31 de marzo nos horarios habituais de apertura das oficinas municipais: de luns a venres de 8.30 a 14.30h.

Rivadulla afonda na descrición desta pequena colección describíndoa como “un bestiario de raras. É un brinde polas que se atreveron a pensar, a ler, a soñar, a desafiar, a crear, pagando ás veces coa propia vida, máis sentindo o vento na cara, o pracer de ir na proa da embarcación entre os salseiros e navegar en por nós”. Unha síntese que cobra sentido ollando o histórico patriarcado social e cultural, o masculino como norma hexemónica que precisa do contrapunto feminino para se reafirmar.

Porén, máis que mostrar unha realidade asimétrica, desigual, este proxecto creativo celebra, segundo a artista, “o empoderamento feminino, de atopar o camiño propio, de non forzarse a encaixar as normas, de rompelas, de coller aire e voar!”, porque, asegura Viki Rivadulla, “ser rara tamén é unha forma de resistencia”.

A exposición fala, en resume, “da diferencia, da disidencia, da visión do feminino na cultura patriarcal, da creatividade feminina, de liberdade, resistencia e revolución, da violencia contra as mulleres e contra todo o que sae da norma”.

Mensaxes que se trasladan ao público con obras de grande formato e cores que furan a retina como agullas de realidade. Con elas Rivadulla persegue varios obxectivos relacionados coa reflexión e coa crítica. Dunha banda facer pensar sobre a posción das mulleres na sociedade e a súa capacidade creadora e transgresora. Da outra, crear un “bestiario de raras” que sirva de homenaxe e de manifesto de denuncia da opresión e a violencia que exercen sobre a muller “a cultura patriarcal e a súa normatividade”.

“Raras (exiliadas, periféricas e monstras)” permanecerá todo este mes na Casa do Concello, acompañada ademais dun pequeno vídeo no que Viki Rivadulla comenta a intencionalidade e significado da colección.