O día 8 de marzo os padroneses e padronesas compartirán camiñata cos concellos de Ames, Dodro, Santiago e Brión
‘Rosalías da vida’ é o título da acción principal polo Día Internacional da Muller que o Concello de Padrón realizará con Ames, Dodro, Santiago e Brión. Trátase dunha xornada para conmemorar a todas aquelas mulleres que loitaron polos seus dereitos e pola igualdade. A andaina organizada polos cinco concellos ten como protagonista a Rosalía de Castro pois considerase como precursora do movemento feminino en Galicia por ser unha gran defensora dos dereitos das mulleres e pola súa reivindicación do papel feminino nun momento moi complicado.
A saída dende Padrón está prevista para ás 09:30 horas dende a Praza Rodríguez Cobián. A inscrición é de balde, e hai que realizala antes do 5 de marzo a través do CIM, ou ben enviando un email a cim@padron.gal ou chamando por teléfono ao 611 003 472.
No marco da celebración do Día Internacional da Muller a concellería de Cultura tamén organizou a representación da peza teatral ‘O país dos mandóns’ de Teatro dos Ghazafelhos o día 6 de marzo ás 19:30 horas no Auditorio Municipal. Trátase dun espectáculo infantil no que se adaptan tres contos da colección ‘A igualdade conta’, e no que tres protagonistas camiñan polo mundo debuxando no seu mapa os lugares polos que pasan, entre eles o País dos Mandóns, que evoluciona ao País da Igualdade.
A seguinte fin de semana, o sábado 14 de marzo, Isabel Risco presentará en Padrón, no Auditorio Municipal ás 19:30 horas, o seu espectáculo teatral ‘As aventuras de Nabiza Girl’. Nesta obra a recoñecida actriz narra as andanzas dunha super heroína do rural galego.
A concelleira de Cultura, Lorena Couso, subraiou que “a través de estas tres accións celebramos e conmemoramos a figura da muller nun mes de marzo que presenta un programa moi intenso e con moitas actividades culturais na nosa vila”.