O acordo contempla unha achega de 366.000 euros para que o municipio poida manter FIMO na súa propiedade
A Deputación da Coruña deu luz verde na sesión plenaria desta mañá á colaboración de 366.000 euros para que o Concello de Ferrol poida adquirir o Recinto Feiral de Ferrol en Punta Arnela, FIMO.
Con esta achega a institución provincial asume preto do 38% do custo deste financiamento que ascende a 966.000 euros. Así, unha vez máis, a institución provincial comprométese cos concellos coruñeses e, neste caso, co desenvolvemento económico de toda a provincia.
“Alegrámonos de ter colaborado con que as instalacións de FIMO se manteñan como patrimonio de Ferrol”, sinalou o titular provincial e engadiu que “a Deputación sempre colaborará en proxectos que teñan como obxectivo a dinamización da economía provincial”.
“Este recinto feiral non se podía perder e neste sentido o papel da Deputación a partir de agora será o de axudar en todo o que nos requiran, xa sexa asesoramento en canto á forma de xestión ou calquera outra cuestión”, sinalou Diego Calvo.
No convenio que a Deputación e o Concello asinarán en breve, plasmase o interese de ambas institucións en “promover e fomentar a actividade económica a través de feiras dedicadas á innovación e promoción do comercio tradicional e urbano así como ao turismo, a industria e calquera outro ámbito que de xeito directo ou indirecto redunde no beneficio de todos os cidadáns da provincia”.
Este espazo está dedicado dende hai máis de 40 anos a actividades e fins de interese público e social. O recinto dispón de dous auditorios e os seus pavillóns están preparados para o desenvolvemento de exposicións, exhibicións, actividades deportivas, empresariais e escolares.
Orzamento 2015
O obxectivo deste pleno de carácter extraordinario era aprobar de xeito definitivo o orzamento provincial para 2015, o primeiro con débeda cero e que chega aos 171.334.000 euros. Esta cantidade supón un aumento do 9% respecto ás contas do ano pasado.
O pleno rexeitou as alegacións presentadas pola oposición porque ningunha das dúas se axustaba aos principios que recolle a lei para poder impugnar os presupostos.
Con este orzamento entrarán en vigor os novos mecanismos de control incorporados ás bases de execución. Como novidade, para a concesión de subvencións provinciais teranse en conta cuestións como o número de socios de cada entidade, á vez que se creará unha comisión avaliadora da que formarán parte todos os grupos políticos e técnicos provinciais.
No caso dos contratos menores, a Deputación da Coruña publicará os pregos no perfil do contratante da páxina web e contactará con máis de cinco empresas cando o número mínimo establecido é de tres. Nas mesas de contratación, os representantes dos grupos da oposición contarán con voz e voto na toma de decisións.
Renovación das estradas provinciais
Ademais, neste último pleno do ano, tamén se aprobou un investimento de 629.316,76 euros para mellorar as estradas provinciais. Trátase de dúas actuacións comprendidas na sexta fase do Plan de Conservación de Vías Provinciais.
A primeira actuación será na DP 4909, en Moeche, e o outro investimento pretende reforzar o firme de preto de seis quilómetros da DP 0105 ao seu paso por Bergondo, Betanzos e Abegondo.
Melloras en Teo, Cabana de Bergantiños e Camariñas
A Deputación da Coruña tamén aprobou unha achega de 54.731 euros para que o concello de Cabana de Bergantiños poida levar a cabo a segunda fase da reforma da praza pública de Canduas.
En concreto, co obxectivo de rexenerar este espazo público, se executarán beirarrúas, se construirá un viario interior e se habilitará unha zona de aparcamento composta por 19 prazas, das que tres serán para autobuses e outra se reservará para persoas con mobilidade reducida. Estarán distribuídas polo exterior da explanada, onde tamén se plantarán árbores para humanizar o recinto.
Todas estas actuacións se realizarán entorno ao hórreo existente na finca para realzar a súa importancia e que sexa o centro de atención da propia praza. A achega da Deputación supón o 77,29% do orzamento total de 70.810,66 euros.
No concello de Camariñas, tamén se levará a cabo a reparación do pavimento e saneamento da rúa Fornelle de Camelle. Cunha achega de 89.603,48 euros, a Deputación asumirá en solitario o custo da construción dunha rede de saneamento e outra de pluviais así como a renovación de todas as acometidas existentes. O proxecto inclúe tamén a pavimentación da rúa cun novo firme.
Pero a maior inversión de todas será no concello de Teo, onde a Deputación destinará 137.553,51 euros (o 100% do custo total) ao reforzo de pavimento en varios camiños do municipio.
As obras consisten na reparación das partes deterioradas nos viarios das parroquias de Cacheiras, Calo, Luou, Lampai e Oza coa reparación do firme, a limpeza de cunetas e o acondicionamento da rasante, eliminando a vexetación existente no medio da estrada.