O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu este martes o presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal), José Antonio Vázquez. Na xuntanza tamén participou o técnico municipal responsable de Emprego, Xavier Ferreiro.
Nesta reunión abordouse o tema da reserva de contratos para centros especiais de emprego, materia na que, segundo José Antonio Vázquez, “Santiago e Lugo son concellos referentes entre municipios de tamaño medio e grande moi por diante doutros concellos e das deputacións”. Neste sentido, o alcalde garantiu a continuidade de reservas para centros especiais de emprego en contratos de xardínería e xestión de residuos.
O presidente de Cegasal tamén informou ao rexedor sobre a evolución dos centros de emprego en Galicia e do grao de cumprimento da Lei de Contratos do Sector Público nesta materia. Ademais, anuncioulle a exposición fotográfica que preparan sobre o traballo nos 38 centros especiais de emprego integrados na Asociación, que dan emprego a 1.600 persoas. A mostra, que levará por título “Cegasal, unha exposición de persoas para as persoas”, terá o formato dunha reportaxe documental, con 24 imaxes do fotógrafo Diego Silva, quen durante dous anos e medio percorreu varios centros especiais de emprego para captar a actividade dun grupo de traballadores/as con discapacidade.