Monday 25 de November de 2024

A Aula CeMIT de Moeche propón recuperar a memoria colectiva do municipio a través da fotografía


 

O labor da Aula CeMIT de Moeche céntrase en ofrecer cursos de alfabetización dixital dirixidos principalmente ás persoas de maior idade que queren estar ao día nos adiantos relacionados coa informática, internet ou os dispositivos móbiles. Porén, esa formación hai moitas maneiras de facilitala. O doado sería dar teoría e práctica sen máis, pero este servizo vai máis aló e ademais de ensinar a utilizar os dispositivos tamén busca que os usuarios e usuarias lles saquen o maior partido posible e que aprendan entreténdose. Máis aínda, tamén se pretende encamiñar as TIC cara outros campos, como por exemplo a súa utilidade na recuperación e difusión da memoria colectiva. Ese será precisamente o obxectivo do curso de fotografía dixital “Fotos con historia” que se desenvolverá todos os xoves de 10 a 12.30h. entre o 5 de marzo e o 24 de abril. As inscricións aínda poden facerse ata mañá mércores a través do teléfono 616 016 793, do correo aulaticmoeche@gmail.com ou presencialmente na Casa do Concello.

A actividade ten unha dobre vertente, na liña de que as persoas participantes aprendan conceptos básicos de fotografía -encadre, enfoque, composición…- así como as funcións básicas do teléfono móbil para logo retratar espazos actuais e comparalos con como eran no pasado.

A idea é sinxela. O que se propón é buscar fotos antigas de espazos do territorio que reflictan calquera escena, como pode ser un labor agrogandeiro, tarefas hoxe desaparecidas, festas ou elementos arquitectónicos, procurando que os lugares sexan máis ou menos identificables. Logo cada participante terá que tirar unha foto do presente no mesmo sitio e cun encadre aproximado, coa finalidade de poder comparar ambas instantáneas e reflexionar sobre o paso do tempo.

O curso ensinará tamén a escanear e retocar minimamente as fotos vellas para que se vexan incluso mellor que as orixinais. A aprendizaxe tecnolóxica -que será moi sinxela e a un ritmo que calquera vai poder seguir, aínda que non saiba nada- complétase co uso dun programa de edición de son co que as persoas participantes gravarán unha pequena historia referida ás fotos: unha descrición do que se ve ou sobre quen protagonizan a imaxe, un comentario sobre como mudaron os tempos entre a foto antiga e a actual, as posibilidades son infinitas.

“Fotos con historia” de Moeche é, segundo reza o cartel anunciador, “unha viaxe no tempo” que ten por obxectivo mellorar as competencias dixitais da poboación de maior idade, ofrecerlle un lecer activo e implicala nunha iniciativa de recuperación da memoria colectiva que doutro xeito acabaría perdéndose.

O prazo de inscrición -que remata mañá mércores- leva aberto máis dun mes no teléfono e whatsapp 616 016 793, no correo aulaticmoeche@gmail.com ou pasando pola aula, situada na Casa do Concello. “Fotos con historia” desenvolverase nas mañás dos xoves -10 a 12.30h.- desde o 5 de marzo até o 24 de abril.