Galicia rexistrou no acumulado ata novembro un incremento do 6,9% con máis de 3,8 millóns de viaxeiros
Este ano Galicia experimentou unha importante mellora dos niveis de demanda turística correspondentes aos aloxamentos regrados cun incremento do 6,9% no relativo ao volume de viaxeiros aloxados nos once primeiros meses do ano e do 4,8% no que atinxe ás pernoitas.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que se rexistraron crecementos continuados nos viaxeiros desde a Semana Santa ata o pasado mes con incrementos de maior intensidade na temporada media cando se realizaron diferentes eventos de gran repercusión na nosa Comunidade como o paso da Volta Ciclista, a celebración de congresos como o I Congreso de Peregrinacións e Turismo ou outros acontecementos culturais como o Womex.
O incremento da demanda produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas. No segmento hoteleiro o crecemento das pernoitas situouse no 4,5% nos primeiros once meses do ano mentres que no extrahoteleiro a suba ascendeu ao 6,3%. O turismo rural e as pensións foron os establecementos con ascensos máis acusados, concretamente do 16,8% e en case o 12% respectivamente.
O turismo internacional continua acadando máximos históricos no que vai de ano
Nestes once meses aumentaron os dous grandes segmentos de mercado. Subiu o turismo nacional nun 3,2% consecuencia dun maior volume de viaxeiros españois e o turismo internacional tamén presenta un comportamento positivo superando nun 10,9% o volume de pernoitas do pasado ano.
Esta mellora supón que o mercado internacional acada no que vai de ano outro máximo histórico tanto de volumes, superando xa o millón de viaxeiros e rozando o 1,75 millóns de pernoitas, como de peso no conxunto da demanda, representando o 26,9% dos viaxeiros e o 21,5% das pernoitas totais.
Neste sentido, o principal mercado estranxeiro nos establecementos hoteleiros deste ano foi Portugal que representou o 14,13% dos turistas internacionais que viaxaron a Galicia. Tras Portugal, os mercados de onde proveñen máis turistas estranxeiros foron Alemaña, Italia, Francia, EEUU, Reino Unido, Irlanda e Países Baixos. Neste sentido, Nava Castro salientou que o incremento máis acusado dos mercados estranxeiros foi o italiano, o cal aumentou nun 29,5% en relación ao mesmo período do pasado ano.
Incremento notable do gasto total do turismo internacional
A directora de Turismo de Galicia destacou que o gasto do turismo internacional aumentou considerablemente ao subir un 20% en relación aos primeiros once meses do 2013. Este incremento tradúcese nun máximo histórico ao acadar mais de 845 millóns de euros. Pola súa banda, o gasto medio por persoa tamén aumentou en relación ao pasado ano ata situarse en 870,63 euros.
Os turistas procedentes de Francia, Portugal e Reino Unido foron os que xeraron un maior gasto total en Galicia no acumulado deste ano ata novembro.
Camiño de Santiago
Os viaxeiros aloxados nestes once meses do ano nos establecementos hoteleiros dos concellos polos que transcorre o Camiño Francés foron 336.697, un 15% máis que o pasado ano. Máis da metade deses viaxeiros foron estranxeiros, os cales aumentaron un 20,2% con respecto ao mesmo período do 2013. As pernoitas do total de viaxeiros nestes establecementos do Camiño Francés foron máis de 355 mil, o que supuxo un aumento do 14,3%.
Esta semana o número de peregrinos que recolleron a Compostela superou os 237. Isto supón un incremento de máis do 10% con respecto aos peregrinos que acudiron á oficina no mesmo período do pasado ano.
Nava Castro comentou en rolda de prensa que se contabilizaron máis de 124 mil peregrinos estranxeiros, o que supuxo un peso de máis do 52% do total de peregrinos que chegaron a Santiago. Os peregrinos internacionais tiveron neste período un incremento de preto do 13% en relación ao pasado ano.
A directora de Turismo tamén destacou que tras España, o país do que están a proceder mais peregrinos este ano é Italia, sobrepasando a cifra dos 20 mil peregrinos e aumentando do pasado ano a este en case un 30%. Deste modo, os peregrinos procedentes de Italia están a superar os que proceden de Alemaña.
Cumprimento do Plan Integral de Turismo de Galicia
Con estes datos supéranse algúns dos obxectivos estratéxicos sectoriais plasmados no Plan Integral de Turismo e outros están a punto de ser alcanzados.
Un dos principais obxectivos marcados no plan que xa foi superado con gran éxito foi o relacionado co turismo internacional. O número de viaxeiros internacionais que elixiron os establecementos regrados de Galicia alcanzou nos once primeiros meses deste ano un máximo histórico tanto de volumes, superando por vez primeira a cifra do millón de viaxeiros e superando así o obxectivo previsto para 2016.
Nestes once meses do ano o gasto total deste turismo internacional foi de máis de 845 millóns de euros, superando a cifra obxectivo dos 836 millóns que establecía o plan para 2016.
En canto á cifra de viaxeiros aloxados en establecementos regrados, neste ano acadou mais de 3,8 millóns, situándose moi preto dos 4 millóns establecidos polo plan. Así, de manterse a tendencia crecente dos últimos meses é previsible que se acade o dito obxectivo moi pronto.
A ocupación media hoteleira prefixada para 2016 tamén se viu superada xa que neste ano ata novembro sitúase no 35,63% fronte ao 33,54% estipulada.