A área municipal de Igualdade volve sacar do propio 8 de marzo os actos de celebración do Día Internacional da Muller, data na que se reivindica a igualdade plena de dereitos e a visibilidade social da muller en todos os ámbitos: no laboral, no político, no activista, no creativo, etc. Ao longo do mes van desenvolverse varias actividades, como maneira de facer unha chamada de atención sobre unha loita que atinxe a mulleres e a homes, a homes e a mulleres, e que debe ir máis aló dun único día marcado no almanaque. O evento central do 8-M terá lugar na Casa da Cultura o sábado 28 de marzo a partir das 17.30h., pero antes temos estoutras propostas:
A primeira cita será este mesmo venres 6 de marzo ás 17.00h. na Casa da Xuventude cun obradoiro especial de Tempos para compartir que se adianta un día. Nel deseñaranse camisetas con lemas e imaxes a prol do empoderamento feminino. Dirixirao Llanos Luaces e ofértanse 10 prazas que se cubrirán por orde de inscrición chamando ao 981 490 027 ou mandándolle un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.
Á saída do obradoiro, sobre as 19.30h., a área de Igualdade programou un acto simbólico no que se pendurarán do peche da praza do antigo Concello mandís e outras pezas de roupa. Desde o departamento convídase a que no xesto participen tanto as persoas asistentes ao Tempos… como quen queira sumarse á reivindicación, traendo da casa prendas con lemas alusivos ao empoderamento e a igualdade para a muller.
Por outra banda, desde o 4 até o 31 de marzo poderá visitarse no patio interior da Casa do Concello a mostra “Raras (exiliadas, periféricas e monstras)”, da pintora Viki Rivadulla. Trátase dun proxecto artístico composto por 12 cadros que falan, segundo a autora, “do diferente, de seres diferentes, que saen da norma. E fala deses seres en feminino”. A exposición estará aberta nos horarios habituais das oficinas municipais -de 8.30h. a 14.30h. de luns a venres- e acompañarase dun soporte visual onde Rivadulla explicará o significado dos cadros expostos.
Entrementres, o venres 20 de marzo ás 20.00h. na Casa da Xuventude, África López Soutullo acompañaranos na presentación do seu libro “Mulleres que (nos) dan que pensar”, editado por Galaxia. A obra rescata os nomes de 40 mulleres fundamentais para a historia de Galicia en campos tan diversos como a ciencia e a investigación, a arte e a cultura… desde Exeria -a primeira peregrina que deixou constancia do seu camiño- até a matemática María Wonenburger, pasando pola astrónoma Antonia Ferrín ou a futbolista Irene González, primeira capitana dun equipo mixto formado na Coruña a principios do século XX.
Outro foco de antención do 8-M terémolo entre o 16 e o 31 de marzo no recibidor da Casa da Cultura, onde convivirán dúas exposicións. Unha delas exhibirá obras de pequeno formato sobre as etapas da vida producidas polas mulleres participantes nos obradoiros de memoria activa que se desenvolven en Lamas, Naraío e San Sadurniño. A outra é unha excepcional mostra fotográfica asinada por unha creadora local baixo o pseudónimo “Inercia Inesperada”.
O acto central, o día 28 de marzo pola tarde na Casa da Cultura
O evento do día 28 contará con dúas proxeccións, un coloquio e unha actuación musical. Tanto esta cita como o resto de actividades do 8-M están financiadas con cargo aos créditos recibidos da Secretaría de Estado de Igualdade do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Arrancará ás 17.30h. coa presentación por parte da responsable de Igualdade, Ana Breixo Gundín, e, deseguido, pasarase o documental “Eu tamén necesito amar”, do realizador Antón Caeiro. A peza estuda a maneira en que a represión política, relixiosa e social lle afectou trala Guerra Civil ao máis íntimo da vida das mulleres, nomeadamente á expresión dos seus afectos e ao xeito de viviren a súa sexualidade.
O audiovisual artéllase cos testemuños de 17 mulleres, dúas delas -Generosa Pita e Enriqueta Soto- veciñas de Lamas. A proxección empezará ás 17.45h. e ao seu remate -sobre as 19.00h.- haberá un pequeno coloquio co director e as súas protagonistas.
Sobre as 19.30h., e dependendo do animado que estea o coloquio, tocaralle a vez á segunda proxección da tarde: “Decides que o matrimonio…”, protagonizada polas mulleres do proxecto Teño unha horta en San Sadurniño. Tomando como base varios versos de Rosalía de Castro, as youtubeiras -con Abel Vega como estrela convidada- fan unha análise retranqueira pero verídica sobre como era a vida en parella non hai tantos anos.
O peche deste acto central do 8-M está previsto para as 19.45h. coa actuación do grupo de pandereteiras Xestreu. Son cinco mulleres que fusionan outras tantas formas distintas de pensar e de sentir que logo trasladan á súa propia reinterpretación do cancioneiro popular galego.