Saturday 16 de November de 2024

Máis de 20.000 persoas desfrutaron da XXXVII Festa da Filloa de Lestedo


 

As filloeiras prepararon máis de 1.600 filloas por hora para os asistentes á celebración

Máis de 20.000 persoas desfrutaron da celebración da XXXVII Festa da Filloa de Lestedo, declarada de Interese Turístico de Galicia. O Concello de Boqueixón, a Asociación da Filloa e veciñanza da parroquia boqueixanesa envorcaronse na organización da cita na que se combina a proposta gastronómica coa tradición do Entroido dos xenerais da Ulla, tamén declarado de Interese Turístico de Galicia.

A media mañá, no campo da festa comezaron a degustarse as Filloas de Lestedo, soas ou tamén con acompañamentos como chourizos, panceta, rixóns e, para quen opte polo doce, con mel, nata ou crema. A máquina filloeira traballou ao máximo para ofrecer ata 1.600 filloas por hora para cubrir a demanda que deste produto hai ao longo da xornada festiva.

As 12.00 horas, a XXXVII Festa da Filloa de Lestedo celeboru a tradicional Parranda de Entroido no Campo da Feira. Media hora tivo lugar o V Gran Desfile de Xenerais da Ulla, no que participaron varias ducias de xenerais, correos e soldados ataviados con traxes da época procedentes de distintos municipios da bisbarra compostelá. O seu percorrido comezou no Hotel Vía da Prata e rematou no recinto da festa.

Xa ás 13.30 horas, o xornalista Pablo Portabales pronunciou o pregón da Festa da Filloa de Lestedo. O alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, presidiu este acto, que presentou, como en anteriores ocasións, a actriz María Mera. O rexedor de Boqueixón destacou na súa intervención que esta é “unha festa moi ligada a promoción da cultura e das tradicións galegas, que interesaría máis alá das nosas fronteiras porque enxalza un produto que é un signo de identidade dos galegos”.

Posteriormente, o alcalde e o delegado territorial da Xunta impuxeron os Mandís de Honra ao pregoeiro, a Lucinda Sousa Mejuto, veciña de Lestedo e filloeira pioneira desta festa, e a Jose Luís Pérez Sánchez, veciño e empresario de Lestedo.

Ás 17.30 horas foi a quenda dos Xenerais da Ulla, que protagonizaron o seu tradicional atranque no campo da festa. Un total de oito xenerais fixeron gala do bo humor e a sorna deste entroido tradicional mediante estrofas rimadas que abordan dende a política, o deporte a calquera tema da actualidade xeral e local.

Actuacións musicais

A música estivo presente durante toda a xornada festiva da man dos grupos e charangas Parranda de Entroido, Pirilampo-Estralampo e Luz do Ilicino. O prato forte chegou dan man das orquestras Gran Parada e París de Noia, que comezaron os seus pases musicais ás 18.30 horas e que duraron ata medianoite.