Ofrécense un total de 370 prazas para realizar programas en distintos puntos da comunidade entre os meses de marzo e xuño
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou esta mañá nun encontro con participantes do programa de voluntariado en espazos naturais que tivo lugar na reserva da biosfera Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo. Alí lembrou que continúa aberto o prazo de inscrición para os interesados en participar este ano neste proxecto da iniciativa europea Lewo.
A directora xeral compartiu coas mozas e mozos parte da súa fin de semana de actividades na que realizaron diferentes accións voluntarias como a eliminación de malas herbas no encoro de Cecebre, recollida de lixo na ruta Seixo Branco ou coidado da praia da Abelleira, no concello de Paderne.
Cristina Pichel destacou que se trata dun programa que fomenta o respecto pola natureza e os espazos naturais ao mesmo tempo que implica á xuventude de forma activa sobre o seu coidado e protección. Neste sentido, sinalou que as 370 prazas que se ofertan nesta edición permitirán que as mozas e mozos poidan coñecer de preto os lugares de máis interese medioambiental da comunidade.
As actividades realizaranse entre os meses de marzo e xuño no Parque Nacional das Illas Atlánticas; en cinco dos seis parques naturais de Galicia (Baixa Limia- Serra do Xurés, Monte Aloia, Serra da Enciña da Lastra, O Invernadeiro e Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán); así como en dúas das seis reservas da biosfera da comunidade (As Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo, e Terras do Miño), e na Ribeira Sacra.