O Concello adxudica por 28.193 euros ao ano o desenvolvemento desta actividade, que se impartirá en 12 centros cívicos municipais
O Concello da Coruña anuncia que se adxudicou a organización do taller para a intervención nas dificultades da linguaxe e a escritura que presenten nenos e nenas de entre 5 e 11 anos. A actividade enmárcase dentro do programa de accións socioculturais, de prevención e cooperación social, que durante o próximo ano inclúen máis de 1.000 actividades e 22.500 horas de programación nos centros cívicos municipais.
Unha vez analizadas as cinco propostas presentadas, a realización deste taller promovido pola Concellaría de Servizos Sociais correrá a cargo de Academia Aristos 2007. Cun presuposto de adxudicación de 28.193 euros anuais, o servizo contrátase por un ano, coa posibilidade de prorrogalo por outro máis.
O taller impartirase en 12 centros cívicos municipais e busca previr, reducir e readaptar as dificultades no ámbito da linguaxe expresivo-cognitivo, o fala e a lecto-escritura que poidan presentar os nenos e nenas de entre 5 e 11 anos. Así, as actividades e exercicios que se inclúan no taller centraranse nas dificultades na expresión oral e escrita, nas que afectan ao razoamento lóxico ou linguaxe matemática, e na atención temperá na linguaxe. O taller desenvolverase polas tardes nos centros cívicos, fóra do horario escolar.
Para o programa de actividades socioculturais, de prevención e cooperación social que se desenvolverá ao longo de 2015 na rede de centros cívicos municipais, as persoas interesadas en participar deberán formalizar a preinscrición os días 8, 9 e 10 de xaneiro nos centros cívicos municipais. O sorteo público realizarase o sábado 10 ás 20.15 horas e o listado definitivo publicarase o día 21. As inscricións serán os días 22, 23 e 24 e as actividades comezarán, progresivamente, a partir do 26 de xaneiro, expoñéndose nos centros cívicos as datas exactas de comezo e finalización de cada actividade en concreto. Os requisitos para participar poderán consultarse nos centros cívicos da Concellaría de Servizos Sociais, na web municipal www.serviciossociales.coruna.es e no teléfono de información 010.