Dende a Concellaría de Cultura e Turismo deseñaron un programa moi completo con numerosas actividades para enxalzar un dos produtos estrela da vila, a lamprea
A Concellaría de Cultura e Turismo do Concello de Padrón deseñou un extenso programa para o mes de marzo, que inclúe actividades culturais, gastronómicas e deportivas para conmemorar distintas datas e enxalzar produtos tan típicos como a lamprea. A concelleira de Turismo, Lorena Couso, sinalou que dende o departamento que dirixe loitan por “poñer en valor os nosos produtos gastronómicos e por incrementar a oferta e as accións culturais e literarias da vila, posto que cremos firmemente no potencial da nosa vila”.
O pistoletazo de saída darao a andaina do 8 de marzo polo Día Internacional da Muller, unha iniciativa na que participan os concellos de Ames, Dodro, Santiago, Brión e Padrón. A saída de Padrón está prevista para ás 09:30 horas dende a Praza Rodríguez Cobián. A inscrición é de balde, se ben hai que realizala antes do 5 de marzo a través do CIM.
O 10 de marzo o Centro Sociocultural de Extramundi de Abaixo acollerá o obradoiro ‘La clave de tu dieta está en la etiqueta’, unha charla sobre alimentación saudable e etiquetado dos alimentos que impartirán as expertas Sara Hermo e Nerea Rivero.
O 13 de marzo comezan as Xornadas Gastronómicas da Lamprea, que se prolongaran durante toda a fin de semana, e de novo dende o venres 20 de marzo ata o domingo 22. Este exercicio, un total de oito restaurantes ofrecerán un programa gastronómico coa lamprea como protagonista. Para degustar os menús elaborados por cada un destes establecementos, haberá que reservar previamente, e o prezo é de 30 euros por persoa. Os locais participantes son Restaurante O Secreto, Restaurante Scala, Restaurante Chef Rivera, Casa Farrucán, Restaurante A Casa dos Martínez, O Alpendre, Os Carrisos e o Restaurante O Santiaguiño.
Ademais, no marco da exaltación da lamprea, dende a concellaría de Turismo organizaron numerosas actividades culinarias, lúdicas e de divulgación. Así, o 20 de marzo terá lugar un concurso de empanadas de lamprea no auditorio municipal, a inscrición está aberta ata o 11 de marzo, presentarse é gratuíto, e todos os participantes disporán dunha lamprea para elaborar o seu prato. Ao
día seguinte, o sábado 21, todos aqueles que queiran aprender a cociñar a lamprea poden asistir a obradoiro de cociña. Neste caso, as inscricións poden realizarse na Oficina de Turismo ata o 19 de marzo.
Programación Cultural
Durante todo o mes de marzo tamén hai unha ampla proposta cultural no Auditorio municipal, que comeza o 6 de marzo coa representación para o público infantil e con motivo do Día Internacional da Muller da obra ‘O páis dos mandóns’ de Teatro dos Ghazafelhos. O 7 de marzo ás 19:00 horas a Asociación Cultural Rosalía de Castro de Padrón organiza a II Gala Rosalia Foliadeira, coa que colabora o Concello de Padrón. O 12 de marzo en Padrón no mesmo espazo poderase desfrutar da actuación da Asociación Cultural ‘El Guanche Icolaltero’ procedente de Tenerife. O venres 13, ás 19:00 horas, a escritora Rosa Enríquez presentará o seu novo libro ‘Vacastras’.O 14 de marzo Isabel Risco presenta no mesmo espazo e a mesma hora a súa obra sobre unha superheroína rural galega, ‘Nabiza Girl. E para concluír a fin de semana, o domingo 15 de marzo ás 18:00 horas proxectarase no Auditorio o documental de Asdent, ‘Más allá del reto de Eva’.
O xornalista José Manuel García descubrirá todos os secretos da lamprea con Miguel Piñeiro, experto neste produto gastronómico. A conversa emitirase en directo e admite público, será no Convento de Herbón, e posteriormente poderase visitar cun guía as instalacións deste inmoble do patrimonio padronés.
O cine tamén estará presente no mes de marzo, xa que os días 27 e 28 de marzo proxectarase o filme de Oliver Laxe, ‘O que arde’ no Auditorio Municipal de Padrón. A entrada é de balde ata esgotar existencias.
E o 28 e 29 de marzo a VII Exposición da Camelia pechará a programación do mes de marzo no concello de Padrón. O Convento do Carme acollerá esta mostra na que as camelias e os bonsais serán os protagonistas e encherán de cor este espazo. Ademais por terceiro ano celebrarase conxuntamente a Expo-Feira de plantas de colección de Padrón.
A maiores, ao longo deste mes de marzo terán lugar accións do Voluntariado Xuvenil e o IV Ciclo da USC desenvolverá varias xornadas en Padrón dentro do programa ‘Camiños de coñecemento’.