A petición de reserva para alumnado que xa está matriculado no centro no presente curso pode tramitarse desde este domingo a través da Sede Electrónica municipal, mentres que a entrega presencial da documentación poderá facerse desde o luns
Entre o día 1 e o día 15 de marzo permanecerá aberto a través da Sede Electrónica o prazo de solicitude de reserva de praza na Escola Infantil Municipal “A Rolada” para o curso 2020/2021. Este primeiro período está pensado para as familias que xa teñen nenos ou nenas matriculadas no presente curso e que, polo tanto, teñen prioridade á hora de volver inscribir as criaturas no centro. Ao comezar e rematar o prazo en domingo, a presentación presencial da documentación poderá facerse entre o 2 e o 13 de marzo, ambos incluídos. Para as novas incorporacións abrirase un novo período de solicitude desde o 16 de marzo ao 31 de marzo, común para a tramitación presencial e a través da Sede Electrónica. Recoméndase verificar a documentación na escola infantil antes de rexistrala por calquera destas dúas vías.
Os servizos da EIM A Rolada diríxense preferentemente a familias empadroadas do municipio con nenos e nenas de entre tres meses e tres anos de idade e só no caso en que haxa vacantes poderá admitir alumnado doutros concellos priorizando aquelas familias que teñan o seu posto de traballo nunha empresa de San Sadurniño.
A escola dispón de 38 prazas distribuídas en tres unidades: 8 na de nenos e nenas de tres meses a un ano, 13 na de criaturas de un a dous anos e 17 na ocupada por cativería de entre dous e tres anos. A razón de abrir dous prazos de solicitude non é outra que a de garantir que os meniños xa matriculados este ano nas unidades de 0 a 1 e de 1 a 2 anos teñan garantida a continuidade no centro co cambio de curso do ano que vén.
Así, o criterio de adxudicación das prazas é o seguinte:
1. Reserva de praza ordinaria, na que gozarán de preferencia para a adxudicación as nenas e nenos con matrícula neste curso. Á súa vez, terán preferencia na elección de xornada as familias empadroadas no concello.
2. Reserva de praza para fillas e fillos do persoal municipal e da EIM, que terá preferencia na adxudicación de vacantes existentes nas mesmas condicións que as persoas empadroadas.
3. Novos ingresos -o prazo de solicitude será do 16 ao 31 de marzo- , que se cubrirán unha vez adxudicadas as prazas reservadas e seguindo os criterios de baremación recollidos no regulamento de funcionamento da EIM.
A Escola Infantil Municipal A Rolada presta varios servizos adaptados ás necesidades de cada familia. O horario de apertura máximo é de 8 da mañá a 8 do serán de luns a venres e, dentro del, pódense elixir de catro a oito horas de atención educativa. Esta posibilidade ten, á súa vez, varias opcións: xornada completa continuada ou partida, media xornada de mañá ou media xornada de tarde. A parte educativa complétase con servizo de comedor, actividades paralelas e extraescolares e mesmo con saídas e excursións dentro do horario de atención como parte fundamental do currículo do centro.
As tarifas vixentes para os servizos que presta a EIM -xa actualizadas segundo o IPC e aplicables tanto a reservas como a novos ingresos- son as seguintes:
Concepto Cota vixente
Matrícula (anual)
21,26 €
Mensualidade a xornada completa (8h.)
207,26 €
Mensualidade a media xornada (4h.)
124,36 €
Xornada de 2 horas
74,40 €
Hora complementaria (prezo mensual)
21,26 €
Hora extraordinaria (prezo diario)
3,72 €
Comedor mensual para almorzo
26,57 €
Comedor mensual para xantar
82,90 €
Comedor mensual para merenda
26,57 €
Comedor en día solto
4,25 €
Para obter máis información sobre os servizos da escola ou sobre os procedementos de reserva de praza ou de nova incorporación débese acudir ao propio centro -981 490 369-, onde facilitarán toda a documentación e solventarán calquera dúbida. Unha vez cubertas as solicitudes será alí onde fagan a comprobación de que non falta ningún papel para que logo sexan as propias persoas interesadas quen rexistren a documentación no Concello, ben de forma presencial ou ben a través da Sede Electrónica municipal, onde tamén se atopan todos os formularios e as correspondentes instrucións para a súa tramitación telemática.