Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño pecha este sábado na Casa da Cultura -19.00h.- as actividades de homenaxe á escritora


 

90 obras e 270 participantes na exposición colectiva sobre Rosalía “Aló no recuncho máis fermoso”

A Concellaría de Cultura apostou este ano por homenaxear a figura de Rosalía de Castro dun xeito diferente. En vez de programar actos aos que asistir como público, o departamento dirixido por Amparo Calvo asumiu o reto de implicar a veciñanza nun proxecto de creación colectiva ao redor da escritora co gallo do seu aniversario. A aposta saiu ben, á vista da exposición que pode admirarse durante estes días na Galería do Concello. Nas súas paredes hai un total de 90 cadros de distintos formatos deseñados coa participación de 270 persoas entre particulares, colectivos e alumnado dos centros de ensino locais -o CPI e a EIM A Rolada-, ademais dos achegados polas persoas atendidas no Centro de Día, na residencia A Súa Casa e no obradoiro fenés de Aspaneps. A mostra, titulada “Aló no recuncho máis fermoso” forma parte das actividades do Mes de Rosalía que finalizará este mesmo sábado a partir das 19.00h. cun evento musical, literario e audiovisual que terá lugar na Casa da Cultura.

“Estou sorprendida pola resposta da xente”, comentaba esta mesma mañá Amparo Calvo ao facer balance da exposición. “Cando lanzamos a convocatoria, hai algo máis dun mes, sabiamos que había persoas interesadas en participar, pero non contabamos con que fosen tantas nin tampouco con que houbese obras tan variadas, fermosas e con tanta calidade”, indica a concelleira, quen concibiu “Aló no recuncho máis fermoso” como unha mostra “que fose medrando por si mesma, non como algo pechado. Nós só ofrecemos o lenzo branco da galería municipal para que calquera puidese vir e deixarlle a súa homenaxe persoal á escritora. E o resultado superou todas as nosas expectativas”.

Nas paredes do pazo, efectivamente, hai de todo: collages, pop-art, acuarelas, óleos, mensaxes en cartolina, cartas dirixidas á autora. “Houbo liberdade absoluta, aínda que pediamos que por razón de espazo as obras non fosen moito maiores que un DIN A3”, comenta Calvo engadindo que a exposición “ten o valor principal de representar un mosaico sobre como sente cadaquén unha figura que trascende o literario. Rosalía foi poeta, foi prosista, activista pola lingua e, analizando o seu legado, tamén a descubrimos como a primeira feminista galega”.

Música, recitais e audiovisual para a clausura do Mes de Rosalía
Dar unhas pinceladas sobre como se percibe a figura rosaliana é o obxectivo dun pequeno documental que se proxectará no acto deste sábado na Casa da Cultura. Na filmación recóllese o traballo desenvolvido na EIM A Rolada, no obradoiro Espazos das Familias, os testemuños da rapazada do CPI ao respecto de Rosalía e da perda de falantes do galego e tamén as reflexións de varias persoas de maior idade sobre a relevancia da escritora. “Recollemos o proceso creativo dalgunhas das obras expostas e os testemuños de quen as fixeron, non tanto para recordar a biografía de Rosalía como para ver se se mantén viva ou non na sociedade actual a súa mensaxe no tocante ao idioma e ao empoderamento feminino”, explica Amparo Calvo.

A proxección deste documental non será o único audiovisual do evento que comezará ás 19.00h. no centro cultural. De feito o acto abrirá co pase da peza “Negra sombra”, producida polo artista dixital Pablo Millán para o 3º Chanfaina Lab. Este apartado completarase co pase de varios videopoemas gravados no curso sobre manexo do móbil ofrecido pola Aula CeMIT en Lamas.

O evento -con entrada libre- estará conducido pola rapazada do Club de Lectura da Biblioteca e contará ademais coa lectura colectiva de varios poemas e coas actuacións da Escola municipal de pandeireta e do Coro de cantos de taberna que botou a andar hai algúns meses en San Sadurniño.

Durante a sesión entregaranse os premios do Reto lector lanzado pola Biblioteca Municipal ao longo de 2019 e tamén se sorteará a lámina que ilustra a exposición da galería municipal, obra do artista gráfico Juanlu Nacha. No sorteo entrarán todas as persoas que participasen na mostra achegando as súas creacións.