Friday 22 de November de 2024

A Xunta comeza os traballos sobre o terreo para proceder á apertura progresiva e controlada da Lagoa de Baldaio


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a do Mar, Rosa Quintana, visitaron esta mañá a zona co fin de supervisar as actuacións
A Xunta de Galicia comezou hoxe oficialmente os traballos previos para proceder á apertura da lagoa de Baldaio, en Carballo, o máis axiña que sexa posible. As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, visitaron esta mañá a zona para supervisar as actuacións que se están a realizar en base ás recomendacións dos técnicos, que aconsellaron acometer unha redución progresiva e controlada urxente da auga concentrada.

A semana pasada, técnicos dos dous departamentos autonómicos e do Instituto Universitario de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago desprazáronse a Baldaio para analizar in situ o estado da lagoa e informar sobre as medidas máis axeitadas para paliar a situación. A raíz destas visitas, acordouse como primeira acción de carácter urxente proceder á apertura da lagoa co fin de que poida desaugar e ante a imposibilidade de que este proceso se produza nestes momentos de forma natural.

O director da obra explicoulles ás conselleiras os traballos que se están a executar sobre o terreo, grazas aos cales se persegue un triplo obxectivo: preservar o ecosistema existente na lagoa de Baldaio, evitar futuros asolagamentos na contorna deste espazo, e garantir á volta á normalidade desde o punto de vista da explotación marisqueira que se fai nesta zona.

A este respecto, Ángeles Vázquez subliñou que a situación actual da lagoa, sen canle de desaugue e que está a recibir a auga que escorre da súa bacía e tamén entradas puntuais procedentes do mar, provoca a suba do seu nivel habitual, ata o punto de que se anegue e provoque asolagamentos na contorna. Esta situación, ademais, tamén está a afectar á súa salinidade, o que ten consecuencias sobre o “rico ecosistema do esteiro”, que, lembrou, forma parte da Zona de Especial Conservación (ZEC) da Costa da Morte.

A solución adoptada de proceder a unha apertura da lagoa que permita desaugar “de forma progresiva e controlada” parte do volume acumulado xa ten precedentes en Galicia. Así, a conselleira de Medio Ambiente explicou que a Xunta vén realizando nos últimos anos actuacións similares na lagoa de Valdoviño.

Cómpre lembrar que os últimos temporais rexistrados en Galicia ocasionaron danos nas reservas de auga de Baldaio, o que provocou inundacións nas inmediacións e dificultades tamén para o marisqueo. Ante esta situación, a Xunta constituíu unha mesa de traballo entre as consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Mar para abordar o problema e buscar posibles solucións, a curto e tamén a longo prazo.

Neste sentido e de xeito paralelo aos traballo de carácter urxente que xa se están a acometer, o Goberno autonómico seguirá avanzando na redacción dun plan que permita conxugar os intereses medioambientais da lagoa cos do sector marisqueiro que explota os seus recursos. Así, un equipo de investigadores da USC elaborarán unha estratexia de actuación integral e estable no tempo que garanta a conservación dos valores naturais da lagoa de Baldaio e lle devolva o seu equilibrio.