Todos os concertos serán no mes de xaneiro no Teatro Principal
O avance do ciclo Sons’Jazz 15 ofrece en concerto a catro bandas galegas no mes de xaneiro. Catro bandas galegas que contan coa colaboración de artistas internacionais e que presentan catro discos novos o que vén a confirmar a boa saúde da que goza o jazz no noso país.
O domingo 4 de xaneiro ás 20.30h Iago Fernández Sextet presenta o seu novo disco ‘Acougo’ que se trata do seu segundo traballo discográfico. Iago Fernández (Cangas, 1987), é un novo músico formado en percusión clásica e especializado en jazz (Musikene, San Sebastián) chamado a converterse nun dos nomes destacados do jazz galego. Unha ampla traxectoria como sideman teno levado a tocar en España, Europa e América acompañando a nomes como Perico Sambeat, Jordi Rossy, Guillermo Klein, Javier Colina, Masa Kamaguchi, Logan Richardson, Avishai Cohen, Omer Avital etc, e a gravar máis de 20 discos. Acougo conta con 10 temas propios de Iago Fernández cargados de melodía e moita conexión entre os músicos.
Os días 13 e 14 de xaneiro chegarán ao Principal Manuel Gutiérrez, Xacobe Martínez Antelo e L.A.R. Legido, que forman Sumrrá. Tras 14 anos de vida, catro discos e múltiples xiras internacionais, o trío compostelán de jazz grava ao vivo o seu quinto disco no Teatro Principal en dous concertos, en dous seráns, consecutivos. O, segundo Candido Querol, “trío máis innovador da escena española” atesoura unha das traxectorias máis sólidas e constantes do panorama jazzístico español, cunha gran proxección internacional. Cun jazz inclasificable, melódico e moi aberto, no que cómpre salientar a orixinalidade das súas composicións, a calidade dos seus integrantes e a frescura dos seus directos… Sumrrá non entende de modas, de etiquetas, nin de estilos.
O seguinte concerto será o 18 de xaneiro con Carlos López Quartet que presenta Letters from København, a súa última gravación como líder e o froito da súa última aventura, esta vez por diferentes capitais europeas, na que aflora a súa fructífera experiencia ao interaccionar e convivir con músicos de diferentes nacionalidades. O polaco Maciek Kadziela, o sueco Joel Illerhag e o galego Xan Campos –tamén inmerso nunha fecundo periplo europeo– conforman a quintaesenza escollida polo batería galego de entre un nutrido grupo de músicos cos que colaborou na capital danesa. As composicións de Carlos López manifiestan unha clara deriva cara a tradición do jazz europeo e incluso do free jazz cultivado no vello continente, sen abandoar por iso claras referencias a Coltrane ou Monk.
Pecha este avance que hoxe presentamos o concerto de Roberto Somoza Trío que realizará o 31 de xaneiro no Teatro Principal compostelán unha dobre presentación. O saxofonista galego interpretará co seu trío boa parte dos temas dos seus dous últimos traballos discográficos: Cal y Arena (2014) e The Modal Jazz Concepts (2014). Acompañado polo finés Risto Vuolanne no contrabaixo e o galego Naíma Acuña na batería, Roberto Somoza contarános a conexión existente entre estos dous proxectos musicais que xiran en torno ás dúas correntes máis importantes deste xénero: o jazz tradicional (tonal) e o jazz modal.