Saturday 16 de November de 2024

Medio Ambiente e concello de Vilarmaior avanzan nos trámites para poder colaborar na humanización da contorna da Casa da Cultura


A conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor Carlos Vázquez mantiveron unha xuntanza de traballo previa á sinatura do convenio para executar as obras este ano

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Vilarmaior, Carlos Vázquez, mantiveron unha reunión de traballo co fin de avanzar nos trámites pendentes para formalizar a colaboración entre ambas administracións na execución dunha nova actuación urbanística no municipio. Concretamente, trátase das obras de humanización e mellora da parcela exterior da Casa da Cultura, unha intervención cun custo inicialmente estimado nuns 48.000 euros e que cofinanciarán entre Xunta e Concello.

Neste sentido, a conselleira trasladoulle ao alcalde que proximamente poderase asinar o convenio de colaboración correspondente, co obxectivo de que os traballos na zona comecen e se executen este mesmo ano no marco do chamado Plan Hurbe, un programa creado en 2010 para axudar aos concellos a financiar actuacións de recuperación e mellora de espazos públicos co fin de dinamizar determinadas zonas.

Así mesmo e tamén ao abeiro do Plan Hurbe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, cómpre lembrar que o ano pasado levouse a cabo en Vilarmaior unha mellora integral das dotacións do parque infantil O Tres, un espazo público clave para esta vila coruñesa, xa que está situado ao carón da piscina municipal e rodeado dun amplo abano de servizos.

Cun investimento de algo máis de 40.000 euros, dos que a Xunta achegou o 70%, grazas a esta actuación dotouse á zona dun parque accesible e moderno para os máis cativos, ao tempo que se habilitou un novo punto de encontro para as familias. As obras no parque remataron o pasado mes de novembro e permitiron renovalo cunha completa dotación de tobogáns e randeeiras, chan de caucho para amortecer as caídas dos pequenos e novo mobiliario urbano, como un banco con respaldo e papeleiras.