O Concello de Padrón estreou xa a nova oficina do servizo de orientación laboral, situada no baixo do Centro Social. A nova localización mellora as condicións de accesibilidade para que todas aquelas persoas con mobilidade reducida poidan achegarse sen ningunha dificultade e ser beneficiarios dos servizos prestados por esta unidade. Ademais as novas instalacións permitirán prestar unha mellor atención a todos os usuarios deste servizo. O alcalde de Padrón sinalou que “estas novas instalacións mellorarán un servizo importante para a cidadanía padronesa”.
Así, a partir de hoxe a oficina estará situada no edificio do Centro Social da rúa Souto número 2, ata o de agora o atrio do Convento do Carme acollía este gabinete no que traballa unha técnico de orientación laboral.
A oficina de orientación laboral de Padrón atende, como mínimo, a unha media de 25 persoas cada semana para recibir asesoramento da man da experta en recursos humanos que traballa neste posto municipal. O servizo que se ofrece inclúe a realización de entrevistas personalizadas de orientación para posteriormente propoñer pautas e consellos para a busca de emprego e a xestión de currículos. Do mesmo xeito, organizan numerosos cursos de formación para fomentar a capacidade de conseguir un emprego dos usuarios deste servizo.