Estamos a piques de entrar na primavera, que este ano parece que se adiantou a febreiro polos días solleiros e calorosos que tivemos a semana pasada. Sábeno ben as raíñas de vespa velutina nigrithorax que xa empezaron a saír dos seus tobos de hibernación para fundaren novas colonias. De momento son elas soas, traballando paseniño na construción dos niños primarios onde criar a primeira remesa de obreiras. Por iso, polo feito de que todo o ciclo comeza cun único exemplar, este é un dos mellores momentos do ano para combater a avespa asiática mediante trampas. Desde o Concello volve facerse un chamamento á implicación veciñal nesta loita.
Abonda con prestar atención aos lugares onde o ano pasado apareceron niños e colocar preto deles trampas de fabricación caseira ou ben comerciais, preferiblemente en camelias e outras plantas de orixe asiática de floración temperá. O máis barato é o mellor: collemos unha botella de plástico -as boas son as da auga mineral-, cortámoslle a parte superior e despois dámoslle a volta á parte sobrante para colocala de novo na botella a xeito de funil.
É unha manualidade moi doada, económica e ideal para que nela participe tamén a rapazada, axudando despois na colocación e no seguimento que se debe facer para ver a súa efectividade e, de paso, repoñer o líquido atraente. Dependendo da calor que faga o ideal é cambialo cada 10 ou 15 días. O que hai a vender funciona ben, pero tamén podemos aforrar cartos elaborándoo pola nosa conta.
Nos engados comerciais e caseiros sempre se combina unha base alcólica con algún zume aromático e ben doce. Outra mestura que disque dá bo resultado é elaborada con froitas maduras machucadas ou a que usa levadura do pan disolta en auga. Esta receita prepárase con 5 litros de auga, 2 quilos de azucre e 50 gramos de levadura. Podedes probar a ver como vai, e lembrade que por cada raíña que cacemos agora, haberá un niño menos do que preocuparse no futuro.
Cómpre recordar, ademais, que en San Sadurniño a partir de agora será a empresa SEAGA quen se encargue de retirar os niños que poidan aparecer despois da primavera, en virtude da adhesión do Concello ao acordo asinado entre Xunta e FEGAMP. Para activar o protocolo é necesario chamar ao 012 e, de acordo co texto, a empresa pública retirará e neutralizará os niños “que estean situados en lugares accesibles e a menos de 25 metros de altura” nun prazo máximo “de cinco días hábiles” tralo aviso. No caso dos niños a máis altura “o tempo de actuación poderá ser superior aos cinco días”.
En total serán 80 profesionais para atender todo o territorio galego. Os mapas de incidencia da praga publicados por Medio Rural indican que, só na nosa comarca, houbo en 2019 seis municipios que superaron en conxunto os 600 niños detectados. Outros catro -entre eles San Sadurniño- situáronse nun número indeterminado de entre 26 e 100 colonias confirmadas.