Thursday 21 de November de 2024

Rosalía volve ser a protagonista dunha feira este sábado 29 de febreiro


A imaxe renovada de Rosalía como unha superheroína con capa e máscara preside novamente o cartel do Festival Rosalía, unha feira de produtos rosalianos que terá lugar este sábado 29 de febreiro na praza de Cervantes. O Festival está organizado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña e conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela e do Museo do Pobo Galego.

A iniciativa consiste nunha feira de produtos coa “marca Rosalía” na que participan oito empresas que fabrican ou comercializan camisolas, bixutería, sacas, libros… e que teñen a escritora como protagonista. O mercado rosalián instalarase na praza de Cervantes e estará aberto de 11:00 a 22:00 horas.

Durante a xornada poderase participar tamén dun programa cultural que inclúe un pasarrúas rosaliano teatralizado a cargo dos Quinquilláns; un obradoiro de regueifa rosaliana; a interpretación de Caldo de Gloria da man de Rilo e Penadique; a representación no Museo do Pobo do Galego da obra de teatro Rosalía; a actuación de Marina Oural e Chefa Alonso co espectáculo Rosas Negras; e finalizará cunha mostra de regueifa rosaliana e o concerto de Tino Baz, co seu disco Si cantan, es ti que cantas….. Ademais, ao longo do día contaremos coa visita na feira de SuperRosalía.

Será unha xornada para “pór en valor a obra de Rosalía de Castro” como dixo o responsable da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, na presentación do Festival que tivo lugar na libraría Couceiro. Esta será a terceira entrega deste festival, que nesta edición de 2020 cambiou a data de celebración para axustalo ás datas do Día de Rosalía, cuxo aniversario se celebrou o luns 24 de febreiro.

Pola súa parte, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, destacou o Festival como “un día moi feliz” e sinalou que “o legado de Rosalía vai máis alá do literario porque Rosalía deu voz ao galego e ás mulleres nun século moi complicado”.

O director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar, fixo fincapé na relación de “veciñanza” que une o Museo e Rosalía e resaltou a necesidade de revisar a obra da autora e a súa actualidade, xa que é “unha obra para redefinirnos nós mesmas. O labor de Rosalía está cargado de sinais identitarios e o Museo tamén ofrece eses sinais”.

Finalmente, Manuel Roxo, da empresa Culturactiva, responsable da programación cultural, afirmou que a proposta cultural presentada quere amosar “unha Rosalía que mira cara o futuro e afonda naquelas propostas que traballan nesta liña sobre a figura de Rosalía”.

Convenio de colaboración
Despois da rolda de prensa, a concelleira Mercedes Rosón e o deputado Xurxo Couto dirixíronse ao Pazo de Raxoi, onde este último e o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, asinaron o convenio entre a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, para a organización e financiamento deste Festival Rosalía 2020.