Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Noia participa por segundo ano no programa “Camiños de coñecemento e experiencia”, con 4 seminarios/obradoiros gratuítos para maiores de 50 anos


 

O prazo de inscrición está aberto ata cubrir as 30 prazas ou ata o 17 de marzo. Os cursos terán lugar entre o 18 de marzo e o 17 de abril

O Concello de Noia e a Universidade de Santiago de Compostela van poñer en marcha por segundo ano consecutivo o programa “Camiños de coñecemento e experiencia, proxecto de democratización do coñecemento”, un programa gratuíto de formación universitaria dirixida a veciños e veciñas de Noia maiores de 50 anos.

A boa acollida da edición anterior, celebrada en outubro de 2019, fai que este ano se incrementen de 3 a 4 os seminarios e obradoiros correspondentes, que terán lugar entre o 18 de marzo e o 17 de abril. Hai 30 prazas dispoñibles e as matrículas poderán formalizarse no Concello de Noia ata o martes 17 de marzo.

Programa

O programa formativo inclúe catro sesións teóricas, que terán lugar no edificio municipal de Servizos Administrativos O Matadoiro (rúa Espírito Santo, 4) os días 18, 23 e 25 de marzo e o 3 de abril, en horario de 16:30 a 18:00 horas. A temática dos seminarios inclúen educación familiar, cinema, historia de Noia e cambio climático.

O primeiro seminario, “Que papel poden desempeñar as familias na educación”, será impartido o 18 de marzo por Agustín Godás Otero, profesor da Facultade de Psicoloxía da USC. Este mesmo mestre será o encargado de dirixir o obradoiro de estilos educativos parentais, que terá lugar o venres 20 de marzo, de 16:30 a 18:00 horas, no edificio municipal de Servizos Administrativos O Matadoiro.

O luns 23 de marzo, Álvaro Dosil Rosende, profesor da Facultade de Ciencias da Educación da USC, impartirá o seminario “100 anos de historia do cine galego. De Miss Ledyla a O que arde”. Para un día despois, tamén de 16:30 a 18:00 horas, está programado un obradoiro de narrativa cinematográfica, impartida polo propio Dosil Rosende e que dará continuidade ao seminario impartido en outubro pasado.

A parte histórica desta edición levará aos noieses ao medievo coa ponencia “Vivir e morrer nas terras de Noia durante a Idade Media e Moderna”, dirixida por Anxo Rodríguez Lemos, profesor da Facultade de Xeografía e Historia da USC, o mércores 25 de marzo. Este mesmo mestre guiará unha visita ao Museo das Laudas de Santa María A Nova o martes 31 de marzo, ás 16:30 horas.

Finalmente, o venres 3 de abril os profesores José A. Rodríguez Añón e Jorge Proupin Castiñeiras, da Facultade de Física da USC, impartirán o seminario “Cambio climático, ou o que podemos perder”. Eles mesmos guiarán unha visita á Planta de Compostaxe de Lousame o 17 de abril, de 10:30 a 12:00 horas.

“Camiños de coñecemento e experiencia” é un programa de cuarto ciclo (programa universitario de maiores) organizado pola Vicerreitoría de Titulacións da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Concello de Noia, a Consellería de Política Social e a Deputación Provincial da Coruña.