A Conselleira de Política Social, Fabiola García, presidiu esta mañá, na sala plenos do Consello Económico e Social de Galicia en Santiago de Compostela, á sesión constitutiva do Observatorio Galego da
Familia e da Infancia. "Dende a Plataforma de Infancia de Galicia saudamos a posta en
marcha do Observatorio que debe converterse nun importante instrumento ao servizo dos
dereitos dos nenos, nenas e adolescentes da nosa comunidade, e de xeito especial no
deseño de estratexias comúns en favor dos colectivos máis vulnerables", explica o
presidente da Plataforma de Infancia de Galicia, Xesús Vilas.
O Observatorio é un órgano colexiado e participativo no que están presentes todas as
administracións de Galicia, as tres universidades, os axentes sociais e, a través da
Plataforma de Infancia de Galicia, están tamén representadas as entidades do terceiro
sector que traballan coa infancia na nosa comunidade.
O carácter deste novo Órgano asesor é de apoio, análise, investigación e de propostas de
actuación en materia de familia e infancia.
Entre os principais obxectivos cabe destacar: recompilación, análise e intercambio de
información; realización de estudos, investigación e informes técnicos para un mellor
coñecemento da situación; servir de canle entre os distintos departamentos das
administración públicas; canalizar as propostas das organización sociais; promover e
sensibilizar sobre os dereitos da infancia en Galicia; e impulsar a perspectiva da familia e
infancia no ordenamento xurídico galego.
A Plataforma de Infancia de Galicia agrupa a 30 entidades que traballan a favor da infancia
no territorio galego (https://infanciagalicia.org/membros/) e ten como obxectivos
fundamentais a protección e promoción dos Dereitos da Infancia, recollidos na Convención
sobre os Dereitos do Neno do 20 de novembro de 1989 e ratificada polo Parlamento
español. O seu interese é incrementar o benestar da Infancia e denunciar e facer
seguimento das situacións que vulneren os dereitos das persoas menores de idade.