As obras, que comezan mañá, teñen un prazo de execución aproximado de cinco semanas e optimizarán notablemente os accesos ao centro educativo
A Área de Infraestruturas comunica que mañá
comezarán as obras de mellora da accesibilidade do CEIP Raquel Camacho, da
Agra do Orzán, e dos seus arredores. O persoal técnico do concello deixou a zona
preparada para estes traballos a primeira hora da mañá de hoxe.
Tal e como se veu facendo noutros centros educativos, e seguindo a política de
contornos seguros na cidade, a Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e
Mobilidade ten como obxectivo ir mellorando unha a unha as contornas dos colexios
que non cumpran cos mínimos requiridos de accesibilidade.
Neste caso, no do CEIP Raquel Camacho, ampliaranse as beirarrúas que dan
entrada ao colexio e instalaranse bancos e varandas para optimizar a seguridade á
entrada e saída do centro educativo. Tamén se plantarán árbores para a mellora
dos arredores e, en materia de mobilidade, recolocarase a parada do bus escolar no
colexio, xa que antes estaba na rúa lindeira de Alcalde Liaño Flores. Ademais, a
Área de Infraestruturas do concello aproveitará as obras para realizar traballos de
mellora na rede de saneamento da zona. Estas obras teñen un prazo de execución
aproximado de cinco semanas.