Os interesados en acollerse a este tipo de incentivos poderán solicitalas ata o 30 de outubro de 2020, salvo esgotamento previo da partida orzamentaria
A Xunta de Galicia destinará este ano 1,25 millóns de euros a axudas para a rehabilitación ou renovación de vivendas e edificios de vivendas integradas dentro da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e da área de rehabilitación integral do Parque Nacional das Illas Atlánticas, tal e como indica a Resolución pola que se realiza a convocatoria de ditas axudas para 2020, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia.
Todas as persoas interesadas en acollerse a esta liña de incentivos poderán presentar as solicitudes ata o vindeiro 30 de outubro de 2020, salvo que previamente se esgote o orzamento.
No ámbito da ARI dos Camiños de Santiago poderán ser beneficiarias desta convocatoria:
• As comunidades de propietarios e as agrupacións de comunidades de propietarios.
• As agrupacións de propietarios.
• As persoas físicas propietarias de edificios ou vivendas.
No ámbito da ARI do Parque Nacional das Illas Atlánticas, ademais da recollidas no apartado anterior, tamén poderán ser beneficiarias desta convocatoria:
• As persoas físicas con algún dereito real sobre un edificio ou vivenda situada neste ámbito.
• As persoas titulares dunha concesión sobre un edificio ou vivenda situada neste ámbito.
Contía das axudas
En relación coas contías, as axudas non poderán superar un 40 por cento do importe subvencionable da actuación. Este límite incrementase ata un 75 por cento se os ingresos da unidade de convivencia promotora da actuación e residente na vivenda son inferiores a tres veces o IPREM ou, cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite que na unidade de convivencia existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos. Esta porcentaxe do 75% só se aplica a actuacións realizadas en vivendas unifamiliares ou no interior de vivendas de edificios de tipoloxía residencial colectiva.
Dentro deste límites, o importe das axudas serán de:
Ata 12.000 euros por vivenda para actuacións de mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas, con redución da demanda enerxética. No caso de edificios de tipoloxía residencial colectiva, incrementarase esta contía con 120 euros por cada metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos. Ademais, poderá incrementarse en 1.000 euros por vivenda e 10 euros por cada metro cadrado de superficie construída de uso comercial ou outros usos, nos edificios e vivendas declaradas ben de interese cultural, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente.
Ata 8.000 euros por vivenda para actuacións de conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas. No caso de edificios de tipoloxía residencial colectiva, incrementaranse estas contías con 80 euros por cada metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos. Ademais, poderá incrementarse en 1.000 euros por vivenda e 10 euros por cada metro cadrado de superficie construída de uso comercial ou outros usos, nos edificios e vivendas declaradas ben de interese cultural, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente.
O importe destas axudas incrementaranse nun 25 por cento cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes (so para actuacións de eficiencia enerxética e sustentabilidade, conservación, mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas).
Ata 30.000 euros, por cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida.
As axudas da Xunta de Galicia, que se suman ás anteriores, son as seguintes:
Ata 4.000 euros por vivenda obxecto de actuacións de rehabilitación e/ou renovación, sen que a subvención poida exceder do 10 por cento do orzamento protexido de actuación da vivenda ou do edificio.
Ata 1.000 euros por vivenda obxecto de actuacións de rehabilitación e/ou renovación, sempre que se adapten á “Guía de cores e materiais” aprobada pola Xunta de Galicia.