Participaron as asociacións culturais Santa Catalina e Amigos do Acordeón de Sigüeiro, o coro Voces Amigas, o grupo As Beiras do Tambre e o grupo de música e movemento da Aula de Música
O salón de actos do centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro quedou pequeno para acoller aos máis de 250 veciños e veciñas que participaron esta fin de semana no Concerto de Panxoliñas, que este ano chegou á súa sexta edición. Un acto que contou coa participación da asociación cultural Santa Catalina (tanto o grupo infantil como o de adultos), a asociación cultural Amigos do Acordeón de Sigüeiro-Oroso, o coro Voces Amigas, o grupo As Beiras do Tambre (Cardama) e o grupo de música e movemento da Aula de Música de Oroso. En total, polo escenario de Sigüeiro pasaron máis de cen cantantes.
O concerto estivo presidido polos concelleiros de Cultura, Antonio Leira, e Obras, Eduardo Veiras. Leira Piñeiro foi o encargado de dar a benvida aos presentes en nome do alcalde Manuel Mirás, quen escusou a súa presenza. O concelleiro de Cultura agradeceu a colaboración de todas as asociacións culturais e grupos presentes pois “co voso esforzo fixestes deste concerto de panxoliñas unha das citas ineludibles do Nadal en Oroso”.
Actuacións
Cada agrupación interpretou dúas pezas, quedando para o final do concerto un par de temas a grupo. Os primeiros en actuar foron os máis pequenos, moitos dos cales xa non aguantaron ata o final do concerto, pese a que este se desenvolveu con moita máis rapidez e axilidade que en edicións anteriores. Os encargados de abrir o concerto foron os nenos e nenas de música e movemento da Aula de Música de Oroso, acompañados ao piano polo director da Aula, Juan Salgueiro, que divertiron moito aos presentes coas súas panxoliñas e, sobre todo, polos seus bailes.
Tras eles foi a quenda dos nenos e nenas da asociación cultural Santa Catalina, que arrincaron a gran ovación da xornada coa súa combinación de voces e guitarras españolas nas que mesmo souberon implicar aos veciños e veciñas presentes, que acompañaron coas súas palmas os temas interpretados. Colleron o relevo o grupo “As Beiras do Tambre”, da parroquia de Cardama, unha agrupación xurdida a partir dun curso de pandeireta organizado pola asociación de mulleres labregas As Medorras de Oroso e que sorprendeu aos presentes cunha interpretación realizada “a capella” de dúas panxoliñas típicas galegas.
A seguinte actuación correu a cargo da asociación cultural Santa Catalina, desta vez cos seus membros adultos, seguido polo coro Voces Amigas e pola asociación cultural Amigos do Acordeón, único grupo da velada que non cantou e que interpretou dúas panxoliñas cos seus acordeóns.