A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse esta mañá co alcalde Manuel Adán, quen lle trasladou que empresarios do municipio e da contorna xa contactaron co Goberno local para amosar o seu interese en que se promova un polígono na zona
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a viabilidade de desenvolver unha nova área industrial no concello coruñés de Santiso Así o acordaron esta mañá a conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde Manuel Adán, no transcurso dunha xuntanza na que abordaron diversos asuntos de interese municipal relacionados coas competencias do departamento autonómico.
O tema central da reunión, en todo caso, foron as necesidades de solo industrial do concello e da contorna e a posibilidade de impulsar, co apoio e a colaboración da Xunta, un polígono empresarial de nova creación. A este respecto, o rexedor explicou que o Goberno local xa mantivo contactos con varias empresas interesadas, non só de Santiso senón tamén de concellos limítrofes.
Pola súa parte, a conselleira de Medio Ambiente animouno a presentar un estudo de viabilidade que avale e xustifique a necesidade de desenvolver a devandita área empresarial e no que se concrete tamén a súa futura localización, estudo que Manuel Adán se comprometeu a realizar.
Así mesmo, Vázquez Mejuto explicoulle que o órgano encargado de emitir o informe sobre a idoneidade de calquera posible novo equipamento industrial é o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), polo que desde a Consellería se lle trasladará toda a documentación que achegue o Concello de Santiso e iniciará as consultas necesarias ante os organismos competentes.