Friday 22 de November de 2024

Aprobado o inicio da tramitación para contratar a construción da pérgola da nova estación de autobuses de Riveira


 

O Concello informa do inicio da tramitación administrativa dirixida á contratación da nova estación de autobuses de Santa Uxía que, como é sabido, se vai emprazar no entorno do mercado municipal, fronte á praza Heroínas de Sálvora. Concretamente, iniciáronse os trámites para encargar a construción da enorme pérgola que, cunha lonxitude de 67,75 metros, servirá de apeadoiro e está chamada a ser un novo elemento singular e característico no municipio riveirense.

Así, a infraestrutura estará conformada por cinco grandes bóvedas en forma de tella de 14,35, 13,14, 11,56, 14,91 e 13,79 metros de longo, con alturas que oscilan na parte superior entre os 4,15 e os 4,65 metros. Os arquitectos responsables da mesma, Santiago Rey Conde e Ismael Ameneiros Rodríguez, defínena como “un diseño atemporal, no lineal, con zonas de espera sentadas, espacios abovedados que amplían el espacio, formas alargadas que permiten proyección a gran cantidad de gente”.

A pérgola estará orientada lonxitudinalmente en sentido norte-sur para minimizar a exposición aos ventos do sur. Ademais, contará con viseiras de protección a leste e oeste que tamén protexerán fronte aos ventos ao tempo que ofrecen zonas de espera cubertas para os autobuses.

Elementos cerámicos
Como materiais, empregarase formigón coloreado, ademais de insertar lucernarios de vidro circulares para aportar luz natural e un revestimento exterior con elementos cerámicos para protección das cubertas e impermeabilización, maior resistencia ao ambiente mariño e como imaxe característica do conxunto.

Ademais, o proxecto técnico inclúe a introdución de vexetación para a mellora de condicións ambientais e mobiliario urbano que axude a dar carácter e definir os espazos, emprazados sobre unha superficie de 1.300 metros cadrados no remate da avenida do Malecón.

O prazo de execución desta obra ascende a nove meses e o seu orzamento é de 298.000 euros, IVE incluído.

Cafetería
Cómpre lembrar que xunto a esta intervención está prevista outra consistente na remodelación dunha das naves portuarias aledañas ao apeadoiro coa fin de imprimirlle un novo uso para despacho de billetes, aseos e outros servizos, incluíndo unha cafetería.