Thursday 21 de November de 2024

Máis de 600 persoas participaron na Festa e Concurso de Disfraces do Concello de Frades


A comparsa local “O soño de Carolina” impúxose con claridade

Poucas veces unha decisión dun xurado foi tan ben recibida como a que lle outorgaba onte o primeiro premio do Concurso de Disfraces de Frades á comparsa “O soño de Carolina”, integrada por veciños do municipio. Unha creativa e divertida “loita” entre os soños e os pesadelos dunha pequena nena que emocionou a todos os presentes, tanto pola beleza das coreografías como polo orixinal dos disfraces, en especial a dos pesadelos.

Un festival no que participaron máis de seiscentas persoas chegadas tanto da comarca ordense coma de municipios e que se prolongou durante máis de tres horas, xa que tras o concurso de disfraces as persoas participantes tiveron á súa disposición inchables, música, un fotomatón de Entroido e obradoiros, da man de Fantasía Animación. Ademais, os máis pequenos contaron coa presenza de personaxes coma Peppa Pig, os minions ou a Patrulla Canina; e, durante toda a xornada, o Concello de Frades convidou aos presentes a flocos de millo e a chocolate quente con rosca. Así mesmo, ao rematar o Concurso de Disfraces todos os nenos e nenas levaron cadansúa bolsa de lambonadas para a casa.

No que atinxe ao Concurso de Disfraces, repartíronse 1.200 euros entre máis de 150 participantes disfrazados. Os grandes gañadores da noite foron os integrantes da comparsa “O soño de Carolina” (Frades), que levaron un premio de 300 euros. Os outros dous premios viaxaron a Ordes: o segundo premio foi para “Os trasnos da muiñeira”, premiada con 150 euros; e a divertida “Imos de voda”, terceira con 75 euros.

O Concello de Frades entregou tamén tres premios especiais á tres grupos locais: “Os Bar-Tolos”, “As velutinas repeiras” é “David o lambón e a banda do Mesón”, de 125, 75 e 50 euros, respectivamente. A categoría adultos completouse cos premios a “La morena de A Ponte” é “Convenio Frades-China”, ambas veciñas do municipio e que levaron 100 e 75 euros.

Finalmente, Ordes acumulou todos os premios da categoría infantil, modalidade grupo: “De Galicia para o mundo”, “Visita papal a Frades” é “Ás veces é mellor non ver”, que conseguiron 100, 60 e 30 euros de premio. “Robobotes” (Trazo) e “A vaquiña polo que vale” (Vitre) completaron a lista de premios, entregados polo alcalde, Roberto Rey Martínez, e os concelleiros Miguel Prado, Manuel Ferreiro, Juan Carlos Portos, Jesús Francos e Ángeles Vázquez.