En vista da boa acollida da iniciativa e da gran cantidade de material recollido, o Club de Xubilados de Lousame xa anuncia que se porá a traballar nunha segunda exposición
Nunca ata o de agora a sala de exposicións de Lousame rexistrara tal cantidade de visitas na apertura ao público dunha exposición. A mostra “Lousame en fotos”, organizada pola asociación Club de Xubilados de Lousame, en colaboración co Concello de Lousame e coa financiación da Deputación da Coruña, reuniu na noite de onte a uns 150 veciños e veciñas, que mesmo tiveron que entrar na sala en varias quendas.
A exposición poderá visitarse ata o vindeiro 6 de marzo de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, e o sábados de 10:00 a 13:00 horas. Así mesmo, hai posibilidade de abrila nas tardes do luns e venres, de 17:00 a 22:00 horas. A mostra consta de máis dun cento de fotografías achegadas por 23 integrantes do Club de Xubilados de Lousame. Fotografías de todo tipo: aldeas, retratos de persoas, persoas no traballo (tanto no campo coma no marisqueo), grupos en festas e romarías… Unha situación que fixo moi emotiva a visita da exposición, pois houbo quen atopou fotografías dos seus familiares e mesmo imaxes súas que descoñecía. De feito foron moitas as persoas que comentaron que ían volver visitar a mostra con algún familiar ou amigo.
Libro e nova exposición
O presidente do Club de Xubilados de Lousame, Francisco Avelino García Nieto, agradeceu a colaboración de todas as persoas que achegaron fotografías, tanto das 23 recollidas nesta exposición como as que as achegaron posteriormente. “Isto non acaba aquí, imos facer outra exposición”, anunciou García Nieto, quen aproveitou para pedirlles aos socios e socias do club que asistan á asemblea que terán o vindeiro luns 24 de febreiro, antes da tradicional cea de Entroido.
Pola súa banda, a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, amosouse “moi contenta porque hai moitos anos que levamos intentando facer esta recompilación de fotografías. Sei que no colexio están tamén traballando nisto e quero dar as grazas a todas as persoas que cederon as fotos porque normalmente a xente non quere deixalas porque ten medo de que llas vaian perder. E nós garantimos que as escaneamos e as devolvemos en cuestión de días”. Villaverde Pais agradeceu o labor do Club de Xubilados de Lousame, e destacou tamén o apoio dos técnicos de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, e de Cultura, María Teresa Baluja.
“Aínda quedan máis fotos, que se están entregando, e cantas máis mellor porque isto é historia de Lousame, é as xentes de Lousame, a nosa esencia. Xente facendo un palleiro, traballando na mina, construíndo unha casa… Pois con todo isto pretendemos elaborar despois un libro. Iso nos vai levar como mínimo un ano e chamaremos a todos os que cedestes as fotos para que nos identifiquedes a escena e as persoas que saen nela”, anunciou Villaverde Pais. Un libro que “é o obxectivo final desta exposición e por iso molestarémovos outra vez, pois necesitamos da vosa colaboración para que, nun ano, volvemos estar aquí co libro”, apuntou a alcaldesa de Lousame.
A festa rematou cunha actuación musical do grupo folclórico O Son do Pote, da parroquia de Tállara.