Friday 22 de November de 2024

A Xunta remítelle ao concello de Cambre o proxecto definitivo e o convenio de colaboración para executar a mellora da estrada AC-214 en Sigrás


O orzamento autonómico para a execución das actuacións previstas, dende a intersección tipo glorieta coa AC-213 e a N-550, estímase en máis de 740.000 euros
A Xunta vén de remtirille ao Concello de Cambre o proxecto definitivo e unha proposta de convenio de colaboración para executar as obras de mellora da mobilidade peonil e seguridade viaria previstas na estrada AC-214 ao seu paso pola parroquia de Sigrás.
O orzamento autonómico necesario para a execución destas obras estímase en máis de 740.000 euros.
Trátase da execución dun itinerario peonil e ciclista nun treito de 770 metros de lonxitude nesta estrada autonómica, que prevé actuacións dende a intersección tipo glorieta coa AC-213 e a N-550 dentro dos núcleos de A Telva, A Xira, A Pena e Sigrás de Abaixo.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remitiulle unha carta ao alcalde, Óscar García, para trasladarlle que o proxecto vén de ser aprobado e en condicións de ser tramitado para a súa licitación, só á espera de que o Concello cumpra o seu compromiso de pór os terreos á disposición das obras.
Ethel Vázquez reitéralle a disposición da Xunta para desbloquear esta actuación, para o que lle traslada de novo a proposta de sinatura dun convenio de colaboración co Concello de Cambre. Documento que, en relación co xa trasladado o pasado mes de outubro, e ao que o Concello non respondeu, modificase para asumir como obriga da Xunta a xestión das autorizacións necesarias para a execución das obras.
Finalmente na súa misiva indica que agarda que o Concello realice as xestións necesarias para o cumprimento dos seus compromisos cos veciños e coa Xunta en relación coa execución da senda. Obrigas, que tal e como recolle o convenio proposto cínguense á posta a disposición dos terreos necesarios para a execución das obras, e a asumir a titularidade do treito da senda peonil resultante da execución das obras.