O 20 % das intervencións realizáronse en accidentes de tráfico, e o 17% estiveron relacionadas ca loita contra as velutinas
O Grupo de Emerxencias Supramunicipais do Concello de Padrón realizou un total de 1.301 actuacións ao longo do ano 2019. As intervencións máis recorrentes sucedéronse en accidentes de tráfico, cun total de 255 casos -11 con excarceración, 72 con feridos, 94 sen feridos e 78 sucesos que esixían limpeza da vía-. A unidade realizou 231 operativos, 125 actividades de prevención e 211 intervencións para a erradicación das velutinas, tarefa que agora asume a Xunta de Galicia a través dun novo plan de loita contra estes insectos.
O concelleiro de Emerxencias, Ángel Rodríguez, valorou moi positivamente a actuación deste grupo, “cada ano os equipos do GES son máis eficientes, e as súas actuacións son determinantes en moitos dos sucesos da nosa vila”.
O seguinte número máis importante en relación coas actuacións deste grupo de emerxencias é a retirada das vías públicas de animais soltos ou mortos, cun total de 109 casos. O equipo, formado por doce persoas, tamén tivo que actuar en 70 incendios -29 forestais, 28 urbanos, 11 en vehículos e 2 industriais-, e realizou 82 rescates no 2019 –rescates de animais, asistencia sanitaria, apertura de portas e de ascensores, en accidentes laborais, procura de desaparecidos e apuntalamentos-.
Do mesmo xeito, actuaron na retirada de obxectos ou árbores das estradas, interviñeron en inundacións, situacións de risco eléctrico, retiraron obxectos dos ríos, revisaron hidratantes e fixeron simulacros para garantir a seguridade da cidadanía.
O incremento das actuacións realizadas por este equipo é do 59 % respecto ao ano 2017, no que se realizaron en Padrón 817 intervencións.