O centro dá servizo ás familias de 91 menores de 0 a 3 anos, tras sumar doce matrículas no período extraordinario de febreiro
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe a escola infantil de titularidade autonómica da Laracha, que dá servizo ás familias de 91 nenas e nenos de 0 a 3 anos. Na visita, que coincidiu coa celebración do entroido organizada polo centro, estivo acompañado do alcalde do municipio coruñés, José Manuel López.
Perfecto Rodríguez destacou a calidade da atención que se presta nesta escola e do inmoble, que está perfectamente acondicionado para garantir o benestar e seguridade das pequenas e pequenos. A escola atópase nestes momentos a pleno funcionamento, coas súas oito unidades en servizo, xa que tras o incremento de matrículas no período extraordinario de febreiro, que supuxo a chegada de 12 novos menores, abriuse unha nova aula e ampliouse o persoal con dous educadores máis.
O xerente do Consorcio tamén referiuse a importancia da escola tanto como servizo de atención educativa á primeira infancia como porque facilita ás nais e pais da zona a posibilidade de conciliar as súas vidas laborais e familiar.