Jesús Celemín destacou a importancia que teñen este tipo de experiencias e convidou a comunidade educativa a gozar “dunha cidade aberta e acolledora”
O concelleiro de Educación e Cultura, Jesús Celemín, recibiu esta mañá no salón de plenos de María Pita un grupo de estudantes e profesoras e profesores do programa Erasmus+ KA2 no que participa o CPR Plurilingüe A Grande Obra de Atocha en colaboración con outros colexios de República Checa, Lituania, Italia, Croacia e Portugal, e no que a lingua vehicular é o inglés. O programa, cunha duración de dous anos escolares e dirixido a alumnado de 1º e 2 º da ESO, ten como obxectivos o estudo da auga e a mellora das competencias en linguas estranxeiras. Á recepción asistiron 53 persoas (40 alumnas/os e 13 profesoras/es) dos 6 países que coordinan esta iniciativa.
O edil de Educación valorou e agradeceu “o esforzo do profesorado para desenvolver este tipo de experiencias e intercambios tan importantes no crecemento persoal do alumnado”. Jesús Celemín deulles a benvida ao concello e convidounos a gozar “dunha cidade aberta e acolledora”.
O proxecto, que leva por título “W.A.T.E.R. in other ways”, céntrase en distintas actividades para concienciar a comunidade educativa sobre a importancia do uso da auga. Ademais, o programa inclúe visitas a todos os países participantes, polo que o curso pasado o alumnado coruñés xa visitou Cerdeña, Melc (República Checa) e Lisboa. Este curso xa estiveron en Vinkovci (Croacia) e a última estancia será en Lituania.